A Deputación impulsa un coworking especializado no agro en Monte Balado

573

Convenio asinado entre o alcalde de Brión e o Presidente da Deputación o 1  de marzo. A promotora de Monte Balado anuncia a posta en funcionamento dun centro de día e unha residencia

O alcalde de Brión, José Luís García, asinou un importante convenio de colaboración coa empresa promotora do Centro Comercial Monte Balado, representada por Encarnación Branco,  e coa Comunidade de Propietarios de Monte Balado, presidida por Dolores Reboiras, para impulsar un ambicioso proxecto de desenvolvemento para o municipio e para as comarcas de Compostela e do Barbanza. Un convenio que permitirá poñer en valor o inmoble do centro comercial Monte Balado, onde se implantarán un espazo de traballo colaborativo (coworking) de ámbito supramunicipal para o fomento da agricultura ecolóxica e un proxecto privado que inclúe a posta en marcha dunha residencia de maiores e dun centro de día.

Pola súa banda, Valentín González Formoso enmarcou o proxecto nas liñas estratéxicas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, dotado con 30 millóns de euros para o período 2016-2019.  “Pretendemos crear unha rede provincial de espazos de traballo especializados”, explicou o presidente provincial e afirmou que se trataría “dun proxecto pioneiro a nivel nacional”, que “por primeira vez aposta por crear viveiros sectoriais de empresas” en diversos emprazamentos da provincia, que contribúan a fomentar as sinerxías e a transferencia de coñecemento en eidos coma o audiovisual, o sector pesqueiro e marisqueiro, o desenvolvemento sustentable ou o turismo, agrupando ás iniciativas empresariais e emprendedoras da comarca segundo o sector da súa actividade.

A área de Promoción Económica emprende en Brión un proxecto “que nace de arriba abaixo”, pois intenta dar resposta ás demandas do propio tecido asociativo e empresarial da zona, que trasladaron á Deputación a necesidade dun espazo destas características para transformar e comercializar os produtos coas mellores condicións de calidade e seguridade.

“Apoiar ao tecido empresarial da provincia, aos proxectos emprendedores que nacen é a responsabilidade e nosa obriga”, afirmou González Formoso, que defendeu o notable incremento do investimento e a actividade da institución provincial no eido do fomento do emprego “porque as institucións temos que estar onde lle preocupa á xente”.

A empresa promotora do Centro Comercial de Monte Balado vai implantar aló unha residencia de persoas maiores con 114 prazas e un centro de día, con entre 40 e 50 prazas. No centro de día, todas as persoas residentes en Brión terán un desconto mínimo do 15%. Ademais, tanto a residencia coma o centro de día contarán cunha serie de prazas (concretamente 2 prazas na residencia e 5 prazas no centro de día) que o Concello de Brión poderá xestionar dende o seu Departamento de Servizos Sociais.