Deputados e senadores socialistas pola Coruña defenden a reforma laboral

132

Os deputados socialistas da provincia da Coruña no Congreso dos Deputados, Montserrat García Chavarría, Natividad González Laso e Diego Taibo, así como o senador Manuel Mirás, deron esta mañá unha rolda de prensa na sede da Agrupación Provincial Socialista na Coruña. Na mesma estivo presente José Manuel Carreira, secretario de Asuntos Laborais da executiva provincial do PSdeG. Nela salientaron que a reforma laboral aprobada polo Goberno central “reforza a creación de emprego de calidade e ofrece seguridade xurídica ás empresas” e aseguraron que xorde do “consenso”.

En palabras do ex alcalde de Oroso e senador Manuel Mirás, esta reforma laboral impulsada polos socialistas é “un feito histórico porque en poucas ocasións nunha reforma deste calado se conseguiu un acordo con todos os axentes implicados, sindicatos e patronal”. “Dende o goberno, os socialistas puxémonos a tarefa de deseñar políticas económicas ao servizo das persoas, que nos permitan recuperar dereitos”, sinalou González Laso, destacando a reforma laboral como unha desas políticas. “Este acordo cambiará a vida da xente deste país, modificando as condicións laborais que tronzan os proxectos de vida das persoas”, engadiu a deputada.

Neste sentido, o deputado socialista Diego Taibo recalca a importancia dunha reforma que busca “atallar os dous principais males herdados do PP tras a súa reforma laboral en 2012″. O socialista identificou estes males como “a precariedade e o alto nivel de desemprego”. Neste sentido, Taibo salientou que coa reforma queda reducido o número de contratos, “para que o contrato indefinido sexa o máis habitual”. Limítase tamén a contratación temporal, con só dous modelos de contrato, engadiu o socialista. Por último, destacou que “tamén se incrementan as sancións por contratación irregular e se fomenta a formación dos nosos traballadores e traballadoras”, subliña.

“Recupérase a negociación colectiva, situándoa de novo no centro das relacións laborais; aumentan os dereitos dos traballadores e se recupera a prevalencia do convenio sectorial fronte ao convenio de empresa”, matizou a deputada García Chavarría. A reforma laboral foi xa aprobada polo Consello de Ministros e comeza agora os trámites para a súa aprobación a nivel parlamentario. “É de esperar o apoio das distintas forzas políticas a algo tan importante como esta reforma laboral, que se demanda dende unha ampla maioría social”, apuntou García Chavarría. “O goberno demostra que saímos das crises reforzando o Estado do Benestar e non recortando como ocorreu cos gobernos da dereitas”, rematou Taibo.