‘Descarboniza’ busca reducir o impacto do cambio climático en Ames

76

Esta mañá presentouse no local social de Biduído “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles”, unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática que busca construír narrativas de futuro sustentables a través do teatro. O proxecto, que está financiado pola fundación Daniel e Nina Carasso e conta coa colaboración do Concello de Ames, da asociación veciñal O Reguiño de Biduído e do grupo SEPA (USC), bota a andar en Ames, dirixido por integrantes da cooperativa Feitoría Verde e da compañía de teatro Chévere.

Despois de varias xuntanzas entre o Concello e a asociación veciñal O Reguiño de Biduído, conformouse un grupo interxeracional que, conxugando a enerxía dos movementos da mocidade polo clima e o saber dos máis maiores, está a construír un relato de futuro sustentable e desexable para Ames, propoñendo alternativas colectivas que mitiguen ou reduzan os efectos climáticos na contorna do municipio.

Trátase da segunda ocasión na que se desenvolve este proxecto, que botou a andar no curso 2021-2022 en Padrón con gran éxito, e que este ano terá lugar, ademais de en Ames, no concello de Pontevedra. Foi seleccionado pola fundación Daniel e Nina Carasso dentro da convocatoria “Componer saberes para imaginar y construir futuros sostenibles”, na que se enmarcan outros trece proxectos distintos.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luisa Feijóo, sinalou que “é un proxecto de mulleres, de memoria colectiva, de intervención artística e de interxeneracionalidade. Temos un grupo de mulleres maiores que van aportar a súa sabedoría popular e as súas lembranzas, e do que se trata é de ver como desempeñaban as súas labores, como se coidaba o medio ambiente e como se pode trasladar todo iso ao día de hoxe para intentar frear o cambio climático”.

Pola súa banda, Ánxela Fraga, da cooperativa Feitoría Verde, engadiu que “o desafío está entre o cambio climático, a emerxencia climática e o xénero. Imos ver se recuperamos prácticas de descarbonización que xa existían e que é interesante que a xente nova aprendamos e recollamos das persoas adultas”. Ademais, dixo que “o obxectivo é traballar en comunidade. A idea é experimentar e aprender a través de dinámicas, xogos e movemento corporal”.

Xesús Ron, da compañía teatral Chévere, explicou que “é un proxecto que naceu o ano pasado para tratar o cambio climático cunhas ferramentas máis creativas e artísticas. Neste caso, a través da experiencia que nós temos traballando co teatro. Trátase, dende unha perspectiva local e coa xente que participe no obradoiro, de desenvolver ideas que nos permitan construír narracións de futuro”.

Na mesma liña se pronunciou Patricia de Lorenzo, tamén de Chévere, que afirmou que “o traballo parte do encontro con persoas maiores, de observacións e de conversas. Dáse un grupo moi diverso en idade, e seguro que vai saír algo positivo. Escoitaranse pequenas historias e experiencias vitais a través da mirada ao pasado”.