Diego Álvarez Alonso e Desiree Fernández impóñense nunha Transgalaica 2022 moi dura debido ao mal tempo

282

Diego Álvarez Alonso e Desiree Fernández foron os gañadores, nas categorías masculina e feminina respectivamente, da segunda proba do circuíto Transgalaica 2022 que se celebrou o pasado domingo, 13 de marzo, en Ames. Esta proba de 66 quilómetros a dúas voltas é a segunda dunha serie que rematará en abrol en Manzaneda.

A proba comezou ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volveuse ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada.

Completaron o podio da categoría masculina, ademais de Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo Oiense e cun tempo de 3:01:31, Samuel González Carrera -Club ciclista Máis que Bicis cun tempo de 3:01:48- e Manuel Paz Carramal -do Club ciclista Armenteira e Punto e cun tempo de 3:18:52-.

Na categoría feminina, a gañadora, Desiree Fernández Rey, do Club ciclismo Ribadumia, rexistrou un tempo de 4:25:27. Na segunda posición quedou Silvia Blanco Dosil, do Club ciclista Avelaiñas, cun tempo de 4:32:11; mentres que terceira foi Rebeca Muñoz Narciso, co Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 4:33:48.

Este ano a proba de Ames estivo caracterizada pola dureza do percorrido provocada polo frío e a chuvia. Dita dureza provocou que preto de 50 persoas tiveran que ser atendidas con hipotermia e houbo preto de 20 incidencias de bicicletas por avarías. Finalmente, 141 ciclistas chegaron á liña de meta.

O director da proba e membro do Club ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, incidiu na dureza desta proba. “Este día vai a quedar gravado no corpo de todos os participantes. Foi unha Transgalaica que puxo ao limite a moitos dos ciclistas e fíxonos ver o duro que poder ser o noso deporte. Todos sabemos que o tempo en Ames soe ser moi caprichoso, pero o deste ano foi épico polo frío e a choiva que marcou por completo a proba”.

Na entrega de premios participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira e mailo concelleiro do Partido Popular de Ames, Oliva Agra e Pablo Beiroa; e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas.

Co obxectivo de que todo saíse ben na xornada contouse cun equipo de preto dun cento de persoas integrado pola Agrupación de Protección Civil de Ames, a Policía Local e o persoal auxiliar do Club Os Esfola Arrós.