Diego Álvarez e Sofía Da Silva gañan en Ames a segunda proba do circuíto Transgalaica 2023

187

O concello de Ames acolleu este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2023. Este ano dito circuíto está composto de cinco probas. A primeira proba da Transgalaica 2023 tivo lugar o pasado 26 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda proba do circuíto foi a que se desenvolveu en Ames. As tres probas restantes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, en Silleda e en Manzaneda.

Os/as participantes tiveron que dar dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 64,31 quilómetros e cun desnivel de 1.477 metros. A proba comezou ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volveuse ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada.

Este ano a primeira volta ao circuíto foi diferente respecto da segunda. A primeira volta foi practicamente idéntica á da edición anterior do ano 2022, pero a segunda tivo modificacións, acortando parte do percorrido na zona do Aeroclub e engadindo unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha nova baixada aberta en exclusiva para esta Transgalaica.

Gañadores nas categorías masculina e feminina
Na categoría masculina os tres primeiros ciclistas en chegar á liña de meta foron: Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo V Bikes Team, cun tempo de 2:50:15 (da categoría Elite); Daniel García Castaño, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 2:50:33 (da categoría Master 30); e Manuel Piñeiro López, do Club ciclista MTC Team, cun tempo de 2:51:24 (da categoría Elite). Do club organizador, Os Esfola Arros, o primeiro ciclista en completar o percorrido foi Uxío Canosa que quedou quinto na categoría Máster 40 cun tempo 3:00:35.

Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Sofía Da Silva Sousa, do Club Extol MTB Team, cun tempo de 4:02:08 (da categoría Master). A segunda en chegar á meta foi Raquel Saques Salgado, do Club Creto Bikes, cun tempo de 4:12:22 (da categoría elite – sub 23); mentres que a terceira en completar o percorrido foi Patricia Bacelo Álvarez, co Club Sanomedio ACD, cun tempo de 4:16:36 (da categoría Master).

Na entrega de premios participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; o concelleiro de Educación, David Santomil; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a voceira e o concelleiro do grupo municipal popular, Oliva Agra e Javier Olmo.

Valoración da proba
O director da proba e secretario do Club ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, dixo “este ano foi un das melloras probas realizadas en Ames tendo en conta o control que tiñamos sobre o percorrido, porque contamos co apoio da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil de Ames, que xa saben como traballamos dende os Esfola Arros e nós sabemos como traballan eles, o que nos permite ter un enorme control sobre a carreira. Houbo un par de incidencias que se resolveron de xeito moi rápido e os ciclistas que sufriron un accidente xa se están recuperando”.

Ademais, engadiu “o mais importante é que todos os participantes cheguen á liña de meta e que ninguén quede perdido no monte. En xeral foi unha edición moi positiva a nivel de organización e no eido deportivo. Os participantes quedaron contentos coas novidades que se incluíron este ano no percorrido. A maior parte dos ciclistas quedaron encantados co final do percorrido que se incluíu este ano como novidade e dixéronnos que lle dou máis emoción á proba”.   

Operativo de 100 persoas
Esta proba contou coa colaboración da Agrupación de Protección Civil de Ames, da Policía Local e do persoal auxiliar do Club Os Esfola Arrós. Houbo preto de 100 persoas distribuídas o longo dos 33 quilómetros que tiña o circuíto para atender posibles incidentes.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu “a todas as persoas que dunha maneira ou doutra colaboraron para que esta proba fose unha vez máis todo un éxito. Teño que agradecer o traballo da Policía Local, de Protección Civil, do club Os Esfola Arros, a empresa Team Relay, a Federación Galega de Ciclismo, ao persoal municipal da Concellaría de Deportes, ás compañeiras e compañeiros da Corporación municipal, que participaron na entrega de premios, ás participantes e aos participantes, xa que sen eles non sería posible, así como a todas as persoas que se achegaron a desfrutar desta sétima edición da Transgalaica de Ames”.