Doazón de sangue o luns 27 no Milladoiro e o mércores 29 e xoves 30 en Bertamiráns

367

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará o luns 27 de abril no Milladoiro, no cruce con Rosalía de Castro,  entre as 9:30h e as 14:30h e de 15:30h a 21:00h. Os días 29 e 30, mércores e xoves, estará en Bertamiráns na avenida da Maía, diante da praza, en horario de 15:30h a 21:00h ambos os días. Para maior seguridade, débese pedir cita previa para doar chamando ao número 900 100 828.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia e está a impulsar medidas para garantir a continuidade deste servicio esencial nestes complicados momentos. O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo grazas á doazón de persoas solidarias. As doazóns permiten, cada día, salvar as vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais de Galicia. Lémbrase que doar sangue é seguro, e que a vida de moitas persoas depende destas doazóns (intervencións quirúrxicas, accidentes de tráfico ou laborais, trasplantes de órganos, enfermos que padecen anemias, hemorraxias, cáncer, leucemia…)

Por iso, recálcase que as unidades móbiles e os locais de doazón teñen todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria, o material que se utiliza está esterilizado e é dun só uso e os profesionais que atenden ás persoas que doan sangue reforzan as medidas de hixiene e seguridade. Así, realízase un uso de luvas limpas con cada doante, a limpeza de padiolas despois de cada doazón, a limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección e a colocación dun envase con solución desinfectante á entrada e saída dos locais de doazón e unidades móbiles, para que os doantes o utilicen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e tomar o refrixerio.

Tamén se fai un chamamento á responsabilidade. Non se debe doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios, pola seguridade dos enfermos que teñen que recibir o sangue. Ademais, lémbrase a necesidade de lavar as mans con frecuencia con auga e xabrón, evitando tocar o nariz ou a boca, e gardar na doazón a distancia mínima de seguridade co resto de persoas que asistan.

Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Non lles está permitido doar ás persoas menores de 18 anos nin ás maiores de 65 anos (idade a partir da cal é preciso un permiso médico). Deberase acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.

En Galicia precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día xa que, diariamente, os hospitais atenden unha media de 2.800 urxencias, máis de 575 intervencións cirúrxicas e transplantes de órganos.