Dobre presentación nos Encontros Literarios de Ames en xaneiro

130

Esta mañá a concelleira de Cultura, Natividade Gónzalez, e o técnico do Departamento das Bibliotecas de Ames, Xoán Manuel Pérez, presentaron os dous primeiros Encontros literarios do ano, unha das principais actividades programadas para adultos. O mércores, 18 de xaneiro, Patricia de Lorenzo presentará “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”, unha obra editada por Kalandraka. Xa o xoves, 19 de xaneiro, Alfonso Pexegueiro presentará “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”, editada por Lumbría. O autor estará acompañado polo escritor Alfredo Conde e pola violinista Estrela Gómez Viñas. A entrada para asistir aos Encontros literarios é libre ata completar aforo.

“Chévere”
“Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural” é unha obra que repasa en forma de diálogo toda a historia da compañía teatral desde a súa creación en 1987. E faino a través das voces das persoas que formaron o seu núcleo máis estable: Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés.

Esta autobiografía de 300 páxinas conta cun amplo e variado apartado gráfico con fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica e inclúe un epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual.  Ademais, está chea de  reflexións e anécdotas nas que non falta o humor .

A compañía teatral Chévere vén de recibir o XLV Premio da Crítica de Galicia na categoría de Artes Escénicas por N.E.V.E.R.M.O.R.E. Unha obra que forma parte parte da programación do Ames Cultural e que da poderemos gozar mañá venres, 20 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”
“Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”  é unha obra que relata como se constrúe un conto ao estilo dun xogo de dados que se asenta no azar. Como todo conto baséase nos soños, na imaxinación e achéganos a un mundo máxico e convídanos a soñar.

Un libro escrito para ler amodo e volver a ler unha e outra vez. Unha obra na que Alfonso Pexegueiro nos deleita coa su experiencia vital a través dun maxistral conto, con música incluída.

O autor: Alfonso Pexegueiro
Alfonso Pexegueiro iniciou a súa actividade literaria en Galicia no ano 1975 como fundador do Grupo Rompente. Entre 1976 e 1978 traballou na redacción da revista infantil e xuvenil Vagalume. Fundou en 1980 xunto con outros escritores a Asociación de Escritores en Lingua Galega da que foi secretario ata xuño de 1985. Como secretario da AELG coordinou a revista Escrita e impulsou o I Congreso de Escritores en Lingua Galega, así como o Galeusca. Ademais, colaborou en prensa con artigos de opinión, e sobre arte e literatura.

É autor de numerosas obras en galego e castelán. Ademais, faino tocando distintos xéneros como a narrativa, a poesía e o teatro. Pexegueiro gañou o Premio da Crítica de Galicia en 1978 por “Mar e naufraxio” ou o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de teatro de 2014, por “Lapsus”.