Domingo de ciclismo en Ames coa Transgalaica 2023

202
Foto: Os Esfola Arrós
Foto: Os Esfola Arrós

Ames volve acoller este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2023. Será a sétima ocasión en que o concello celebre esta importante proba ciclista no noroeste español. Está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames. As inscricións están abertas ata este mércores 8 de marzo, ás 23:59 horas. Van inscritas 205 persoas.

A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 11:00 e a segunda sobre as 12:30 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Este ano a primeira volta e a segunda serán diferentes. A primeira volta será practicamente idéntica á da edición anterior do ano 2022, pero a segunda terá modificacións, acortando parte do percorrido na zona do Aeroclub e engadindo unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha nova baixada aberta en exclusiva para esta Transgalaica. Dende o club ciclista Os Esfola Arrós recomendan facer un recoñecemento da segunda volta (o track oficial da Transgalaica de Ames 2023 está en wikiloc) e logo o dia da proba levar o track completo (volta 1 e 2) aínda que estará completamente sinalizado o percorrido. Ademais, estréase sinalización. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo de recoñecemento do percorrido feito por Breogán Calviño.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “o éxito que ten sempre esta proba da Transgalaica organizada no concello de Ames. Sempre soe haber unha gran participación nesta proba. Este ano a predición meteorolóxica apunta que vai chover polo que vai volver ser unha proba moi dura ao igual que sucedeu na edición anterior. Xa imos polas 200 persoas inscritas, a proba ten unha gran aceptación e nós estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan”.

Dende o club ciclista amesán Os Esfola Arrós indican que “a Transgalaica é un dos referentes do ciclismo de montaña no noroeste español. É o sétimo ano que organizamos a segunda proba da Transgalaica e aínda que mantivemos una liña similar no percorrido, sempre fomos facendo algún lixeiro cambio edición tras edición. Este ano a primeira e a segunda volta serán diferentes. A primeira volta do circuíto é moi similar a da edición anterior, mentres que na segunda volta recortamos un tramo e engadimos unha subida e baixada final que son novas no percorrido”.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico, debido a que servirá como punto de saída e meta. Por unha banda, dende o sábado 11 ás 20:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na avenida José Luis Azcárraga. Ademais, dita avenida estará pechada ao tráfico ata a aldea de Capeáns o domingo 12 de marzo dende as 7.30 ata as 15.00 horas. Preme nesta ligazón para consultar o aviso informativo.

Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo dende Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada – Bertamiráns), AC-453 (Roxos – Portomouro) e AC-543 (Santiago – Bertamiráns).