Dous incendios forestais en Covas na mesma fin de semana

72

Protección Civil de Ames tivo que mobilizarse dúas veces por lumes forestais en Covas durante esta fin de semana. Na noite do sábado, un voluntario da Agrupación observou un posible incendio forestal na zona de Ventosa (Covas) e ata alí se desprazaron un total de 5 voluntarios. Unha vez localizado o foco e confirmado o lume informaron ao Distrito 3 de Ordes para o envío de medios. Ata o lugar desprazáronse un axente, dúas brigadas e unha motobomba, ademais da motobomba forestal do GES de Brión. Finalmente deusepor extinguido cunha superficie queimada aproximada de media hectárea.

Incendio do sábado 9 de abril en Covas
Incendio do sábado 9 de abril en Covas (Fotografía: Protección Civil de Ames)

A seguinte noite, do domingo para o luns, acudiron de novo a un incendio forestal en Covas, moi próximo ao do sábado pero nun monte diferente. Desprazáronse ata o lugar 3 vehículos e 7 voluntarios que colaboraron cun axente, unha motobomba, dúas brigadas e coa Policía Local de Ames. Afortunadamente, grazas á rápida actuación deuse controlado rapidamente.

Incendio do domingo 10 de abril (Fotografía: Protección Civil de Ames)
Incendio do domingo 10 de abril (Fotografía: Protección Civil de Ames)

O alcalde de Ames, Blas García, lembrou esta tarde que desde finais de febreiro xa se rexistrou un total de catro pequenos incendios forestais en zonas moi próximas, na parroquia de Covas e preto de Aldea Nova. Sinalou o rexedor que “os catro lumes presentan características moi similares”. “Afortunadamente grazas á rápida intervención de Protección Civil de Ames e as Brigadas da Xunta de Galicia estes puideron controlarse e extinguirse rapidamente”, afirma García. “Estes lumes son preocupantes pola súa proximidade e coincidencias, polo que é necesario extremar a vixilancia e o control”, pediu o alcalde, indicando que “se algún veciño do entorno ve algo ou a alguén sospeitoso que informe á Policía Local”.