O Concello de Vilagarcía acolleu a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, entre os que se encontra Ames, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa hoxe presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña É túa. Pásaa! No acto participaron, por parte do Concello de Ames, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o alcalde, Blas García.
É túa. Pásaa! Este será o lema da campaña de Alingua no ano 2023 e fai unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego. Esa expresión xa se adiantou durante os últimos días amosándoo a través de grandes lonas penduradas das fachadas de edificios municipais dos dezanove concellos que forman parte de Alingua (no caso de Ames, na Casa da Cultura de Bertamiráns) e en valos publicitarios; e durante a presentación do lema desvelouse o tema musical creado para transmitir esa mensaxe. Trátase dun tema realizado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, que “convida a coidar a lingua pero sobre todo convida a falala, a usala”. Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.
Xunto ao vídeo, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística.