A ED Ames de Alevíns campioa de España de Futsal

672

Os alevíns das escolas municipais gañaron o Campionato de España de Futsal esta fin de semana en Elxe

O equipo alevín A das escolas deportivas municipais proclamouse esta pasada fin de semana en Elxe campión de España de clubs de futsal. O equipo das escolas deportivas municipais, que está xestionado polo Bertamiráns FC, foi recibido onte pola tarde no aeroporto de Santiago de Compostela polo alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, así como por varios membros do Bertamiráns FC. Previamente este mesmo equipo foi campión da Liga da zona de Santiago, campión provincial e subcampión galego.

O equipo alevín de fútbol sala das EDM de Ames, xestionado polo Bertamiráns FC, quedou campión do campionato nacional de clubs de futsal que se disputou os días 2, 3 e 4 de xuño en Elxe. Un feito histórico xa que era a primeira participación dun equipo das escolas deportivas nun campionato nacional. No primeiro partido da fase final o equipo amesán gañoulle ao Futsal Cieza de Murcia por 10-2. Posteriormente, no partido de semifinais impuxéronse ao club Arevalo por 7-0 e na final venceron ao equipo malagueño do Arriaza por 5-1, completando un campionato excepcional no que lle gañaron de forma contundente a todos os rivais.

Este equipo, que está formado polos xogadores; David, Noé, Jaime, Migui, Chapela, Martín, Adri e Brais, así como polos adestradores; Sergio Penas, Jorge Paz e Diego Penas, foi recibido no aeroporto de Santiago de Compostela polo alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones. O rexedor municipal deulles os parabéns en nome de todo o goberno municipal pola excelente temporada que fixeron e por deixar o nome de Ames no máis alto deste campionato nacional.

Cómpre lembrar que este equipo revalidou o campionato de Liga da zona de Santiago tras vencer na final ao Santiago Fútsal por 6-2. Ademais, proclamouse campión provincial ao gañar na final por 7 a 3 ao equipo de exalcohólicos da Coruña, e quedaron subcampións galegos. O pasado 7 de maio xogaron na Coruña a final galega. No partido de semifinais gañáronlle ao Ancoradoiro de Pontevedra (campión da provincia de Pontevedra) por 13 a 4, e na gran final, que disputaron contra as Escolas deportivas de Ourense (campión da provincia de Ourense) perderon por 1-3.