O EIM O Bosque despide o curso con dúas saídas ao parque

O obxectivo desta festa foi despedir ás nenas e aos nenos, de entre 2 e 3 anos, que para o ano xa comezan a educación infantil

O alumnado da Escola Infantil Municipal O Bosque realizou as últimas saídas do curso a dous dos parques de Bertamiráns: o parque de Chavián e o parque de Ameneiral. Alén diso, as nenas e nenos tamén celebraron unha unha festa de fin de curso, para despedir o alumnado máis antigo da escola.

Alumnas e alumnos da EIM O Bosque gozaron das últimas saídas do curso aos parques de Chavián e de Ameneiral. As máis e os máis pequenos, nenas e nenos entre o 1 e os 2 anos, foron ao parque de Chavián, mentres que o alumnado entre os 2 e os 3 anos de idade foi descubrir o parque de Ameneiral. Os desprazamentos ata estes espazos foron feitos en autobús, unhas viaxes curtas, mais que acostuman gustar moito ás nenas e nenos da escola.

Ademais, o alumnado celebrou unha festa de fin de curso na Casa da Cultura de Bertamiráns. O obxectivo desta festa foi despedir ás nenas e aos nenos, de entre 2 e 3 anos, que para o ano xa comezan a educación infantil e, polo tanto, abandonan a EIM O Bosque.