El Mehdi El Nabaoui e Lara Santos, gañadores da XXI Carreira Pedestre de Ames

83

A pesar da choiva que caeu onte durante a carreira pedestre popular Concello de Ames, un gran número de atletas participaron nesta proba deportiva que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Na proba absoluta o gañador foi El Mehdi El Nabaoui, do club Oriente Atletismo, cun tempo de 31.27, e Laura Santos, do club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, cun tempo de 34.27. Esta proba pertence ao VIII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e forma parte do Campionato de Galicia das categorías sub20, sub23, absoluta e máster da tempada 2021-2022.

No segundo posto da categoría masculina quedou Esteban Iglesia Vila, do club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, cun tempo de 31.48, e terceiro foi Anxo Castro Varela, do club Vicky Foods Athletics, cun tempo de 31.58. Na categoría feminina, Sandra Mosquera Losada, do Comesaña Sporting Club, foi segunda cun tempo de 37.53, e na terceira posición quedou Isabel Caeiro Mariño, da Sociedade Gimnastica de Pontevedra, cun tempo de 38.55.

No tocante á clasificación de equipos, o primeiro posto foi para o Club de Atletismo Sar, que acadou 358 puntos, seguido do Club de Atletismo Cambados – Seguros Noval con 505 puntos, e terceiro foi o Club de Atletismo Santiago con 791 puntos. Na cuarta posición quedou o Club Atletismo O Pino con 921 puntos e a quinta posición foi para o Club deportivo Brión Hyupersa Santiago con 942 puntos.  

Entrega de premios
Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado na praza do Concello. Foron galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Houbo tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibiron un trofeo os tres primeiros corredores empadroados no Concello de Ames que chegaron á liña de meta. Pola súa banda, os máis pequenos foron premiados cunha medalla de chocolate.

Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregou un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).