En marcha a segunda fase da campaña de tarxetas bono Merc@mes

0
120

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación da segunda fase da campaña de Tarxetas-bono Reactiva Ames. Un acto no que estiveron presentes Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, Blas García, alcalde de Ames, Jorge Couñago, técnico de Promoción Ecónomica e o Jorge López, presidente de XEA e no que se retomou esta iniciativa de tartexas prepago. O Concello asumirá o pagamento do 40% do saldo de cada tarxeta como medida de apoio ao comercio local.

Nesta fase da campaña serán 2.800 as tarxetas que se porán ao dispor da cidadanía. Funcionarán como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas). Ata 1.800 das tarxetas terán un valor de 100 euros (40 achegados polo Concello). As outras 1.000 terán un valor de 50 euros (20 achegados polo Concello). Cada persoa poderá solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo.

O Concello achega máis de 100.000 euros para esta fase, dos cales 92.000 son axudas directas e 8.400 sufragan os custos das tarxetas. A axuda do Concello ás asociacións de comerciantes permitirá poñer en movemento 230.000 euros para gastos directos no comercio local, que sumados aos 200.000 da campaña elevan a 430.000 € o volume de negocio.

As tarxetas bono poranse á venda a partir do 15 de setembro na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30. No Milladoiro poderanse adquirir polas mañás, entre as 11:00 e as 13:30 no local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, na rúa Palmeira 19. Polas tardes venderanse na rúa Viorneira 1, no local da Asociación Palmira Boulevard entre as 17:00 e as 19:30 horas.

Plan Ames Progresa
O pleno municipal aprobou por unanimidade en xuño o Plan Ames Progresa, destinado a reactivar a economía amesá. Busca, entre outros obxectivos, impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, e dentro deste plan destínanse 100.000 € á segunda fase da campaña de tarxetas bono Merc@mes.

Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, agradeceu “ ás tres asociacións de empresarios que temos no Concello por volver a colaborar na venta das tarxetas e apoiar ao comercio e a hostalaría local.”

O alcalde de Ames, Blas García, destacou o carácter referencial do Concello de Ames fronte a outros municipios ao apostar por esta alternativa, e salientou a cohesión e unidade da corporación “nos temas que son verdadeiramente importantes e benefician á cidadanía”. García engadiu que “indirectamente tamén estamos axudando a moitos veciños e veciñas de Ames e de concellos limítrofes xa que, todo aquel que queira comprar en Ames pode facelo cunha axuda do Concello”. Puxo en valor “a importancia que ten para este Concello o comercio, hostalaría e as pequenas empresas que temos aquí” e agradeceu “o traballo das asociacións e a súa colaboracion dende o primeiro momento, así como do persoal municipal que pon en marcha estas tarxetas e á colaboración de Protección Civil para que se respecten as medidas sanitarias, como xa fixeron na primeira fase”.

Jorge López, presidente de Xea, agradeceu “unha proposta que nos beneficiou moito, tanto a empresarios como á clientela”. Para López, o balance da primeira etapa “foi moi positivo e esperamos que esta sexa aínda mellor”.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here