As bibliotecas municipais de Ames organizan para este xoves, día 16, o segundo dos encontros literarios do mes de marzo. O libro a presentar será “Flashes II”, unha obra da hispano-xermana Úrsula Heinze que reúne case duascentas prosas nas que a autora rememora cun humor crítico diferentes instantes e incidentes da súa vida. Dita presentación realizarase, como habitualmente, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas.
Heinze estará acompañada durante o acto por María López Sández, profesora universitaria e membro da RAG; Armando Requeixo, tamén docente universitario, crítico literario e membro do Centro Ramón Piñeiro, e Xosé Luís Blanco Campaña, xornalista. O evento estará conducido pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González. Así mesmo, os asistentes poderán gozar do acompañamento musical do dúo Eva e Camilo con Eugenio Lorenzo.
“Flashes II” é un conxunto de relatos que buscan recoller distintas situacións e observacións da vida da escritora. Son pequenos relatos que poden provocar risa, reflexión e algún choro. Resumidamente, trátase dunha mestura de vivencias verdadeiras e escritas con liberdade literaria, flashes que iluminan distintas épocas do mundo e describen ambientes e persoas que acompañaron á autora ou que aínda hoxe están ao seu carón.
A autora
Úrsula Heinze (Colonia, 1941) licenciouse en Filoloxía Inglesa e Alemá na Universidade de Colonia. Ao longo da súa etapa universitaria formou parte do grupo de teatro e estudou tamén piano e canto. Finalmente, decidiu enfocar a súa carreira profesional nas aulas, e foi catedrática de Ensinanza Media en Alemaña, así como lectora de lingua alemá na Universidad de Valladolid.
Heinze tamén destacou como escritora, e conta con numerosas obras publicadas: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego e relatos en alemán. Así mesmo, ten traducido obras de autores alemáns ao galego e ao castelán.