Entregados os premios do VIII certame de fotografía comercial do parque do Milladoiro

138

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado xoves, 22 de decembro, a Gala de entrega de premios do VIII certame de fotografía comercial do parque empresarial do Milladoiro. O acto estivo presentado por Sole Felloza e contou con música en vivo do pianista Gerson Tineo. Durante a Gala proxectáronse todas as fotografías participantes, tanto da categoría xuvenil como da absoluta. En representación do Goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, e maila concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero.

Na categoría absoluta, as persoas galardoadas foron, co primeiro premio, de 500 euros, Roberto Sanmartín, pola fotografía “Adicación sen distraccións”. O premio foi entregado polo alcalde de Ames, Blas García. O segundo premio, dotado con 400 euros, recaeu en Paula Bello, por “Miradas diferentes”. Este premio foi entregado por Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames. O terceiro premio, de 300 euros, foi para Ana Belén Vázquez, coa foto “Xerando fauna galega”. Neste caso o premio foi entregado por Alberto Uzal, integrante do xurado e responsable do Estudio Fílmate.

Ademais, Javier Santos, presidente da asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro, entregoulle un accésit a Sebastián Olivares pola fotografía “Traballando noite e día”. O segundo accésit foi para Olalla Tellería, por “Exterior noite”. O primeiro premio na categoría absoluta estivo patrocinado por Escenoset, o segundo premio foi patrocinado por Tesec Audiovisuais e o terceiro patrocinouno Fílmate Estudio fotográfico.

Na categoría infantil e xuvenil, o primeiro premio foi para Andrea Abuín Duro, pola foto “Finxindo ser alguén que non son”. O premio foi entregado por Xoan Soler, foto-xornalista de La Voz de Galicia. O segundo premio foi para Hugo Guerra Pereira, de 8 anos de idade, por “Fungos no polígono”. Este premio foi entregado por Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación do Concello de Ames. O terceiro premio quedou sen entregarse porque a persoa gañadora non asistiu á Gala.

Certame consolidado na comarca
Dende a asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro “agradecen a colaboración do Concello de Ames porque é importante para poder realizar este certame”. Ademais agradeceron a participación de todas e cada unha das persoas que fixeron que este concurso se consolide como referente na comarca e destacan o enxeño e a técnica dos participantes deste concurso popular. Tamén agradecen ao xurado, presidido por Xoán Soler e Alberto Uzal, “a súa inestimable colaboración, xa que sen ela sería imposible levar a cabo este certame. Ao final fíxose necesario dar accésits na categoría absoluta, xa que na fase final houbo varias obras que quedaron igualadas”.

Cómpre destacar tamén que segundo apuntan dende a asociación “moitos dos rapaces e rapazas participantes en anteriores edicións estanse abrindo camiño nas artes audiovisuais e xa están xerando valor cos seus propios traballos, de aí que sexa tan importante dispor dunha categoría onde se incentive a participación dos máis pequenos a adentrarse nesta arte versátil que tantos usos se lle poden dar, dende as redes sociais a nivel usuario ata o uso profesional como fotógrafo”.

Todas as fotografías presentadas ao concurso fotográfico están expostas ata o 30 de decembro no segundo andar da Casa da Cultura do Milladoiro. A temática do concurso xirou en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. O obxectivo do concurso é que a veciñanza de Ames coñeza a actividade das empresas que están situadas no parque empresarial.