Neste curso 2017/2018, a escola unitaria de Ortoño dobrou o número de alumnas e alumnos con respecto ao ano anterior, pasando de 9 a 18 nenas e nenos usuarios
Esta mañá, o Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as instalacións da escola unitaria de Ortoño para coñecer, de primeira man, o acabado das obras realizadas: a colocación dunha mampara exterior fronte a fachada principal e o acondicionamento da zona de xogo e do xardín da escola. Neste curso 2017/2018, a escola unitaria de Ortoño dobrou o número de alumnas e alumnos con respecto ao ano anterior, pasando de 9 a 18 nenas e nenos usuarios.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou esta mañá a escola unitaria de Ortoño, co obxectivo de coñecer o resultado final das obras realizadas nas súas instalacións, que se materializaron na colocación dunha mampara exterior fronte a fachada e no acondicionamento da zona de xogo e do xardín. A instalación da mampara, unha vella reclama das nais e pais das nenas e nenos usuarios, impedirá a acumulación de auga na entrada da escola, o que acostumaba provocar escorregamentos e caídas nos días de choiva.
Durante a visita, Santomil quixo remarcar o compromiso do goberno municipal coas escolas unitarias: “Desde o Concello de Ames apostamos pola continuidade no futuro das escolas unitarias, ao valorarmos moi positivamente o modelo educativo que ofrecen”. A escola de Covas, pola súa banda, tamén experimentou obras de mellora co peche perimetral do recinto e a realización de diferentes tarefas de pintura. O custo dos traballos levados a cabo nas escolas de Ortoño e Covas, ascenden a unha contía total de máis de 3.500 euros.