O espectáculo “O Valo” chega a Ames en outubro

600

A proposta recorrerá en total dez concellos co fin de evitar o esquecemento das guerras e da xente que foxe delas

Creado por Pallasos en Rebeldía para os concellos do Fondo Galego de Cooperación, “O valo” chegará aos centros educativos de Ames en outubro. Esta actividade encádrase dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola ONU no 21 de xuño. A proposta recorrerá en total dez concellos co fin de evitar o esquecemento das guerras e da xente que foxe delas, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando nun mundo diferente. Previamente, na praza da Maía de Bertamiráns, estivo exposta unha mostra sobre a orixe e os diferentes proxectos desenvolvidos polo Fondo Galego de Cooperación.

A obra “O valo” foi creada por Pallasos en Rebeldía, para os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a partir dun texto de Carlos Labraña, gañador do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. A obra, cuxos protagonistas son unha nena que foxe da guerra e un rapaz soldado, busca promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas.

Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas, entre elas moitos menores, a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares. Por este motivo, “O valo” é unha obra escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan aos seres humanos.

A proposta, que conta coa participación do actor Fran Rei e da actriz Saleta Fernández baixo a dirección de Iván Prado, chegará aos centros escolares de Ames en outubro. Poio, Laxe, Redondela, San Sadurniño, A Guarda, Caldas, Ourense, Cabanas e A Coruña son os outros municipios polos que pasará a obra.