Espina y Delfín xa asume a xestión do Ciclo Integral da Auga

820

“Queremos dicirlle á veciñanza de Ames que poden esperar de nós un traballo moi profesional, como sempre o temos desenvolvido. Desde a empresa pensamos que este contrato é un motivo de alegría para nós e tamén para as veciñas e veciños de Ames”

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e representantes da empresa Espina y Delfín, nova adxudicataria do contrato do Ciclo integral da auga, compareceron esta mañá en rolda de prensa nas instalacións da ETAP de Lens, para explicar as novidades e melloras do novo contrato deste servizo municipal. O persoal que traballaba neste servizo foi subrogado pola nova empresa e continúa realizando o traballo que viña facendo. Antes de desprazarse a ETAP de Lens membros do goberno municipal mantiveron unha xuntanza na Casa do Concello coa xefa de servizo e o responsable do servizo de augas de Espina y Delfín.

O alcalde de Ames, José Miñones, expresou a satisfacción sentida polo Concello nun día como hoxe, despois de meses de recursos e da paralización da adxudicación. “Hoxe podemos dicir que chegou o día. Despois de moitos meses nos que o proceso de adxudicación se tivo que atrasar por causa da existencia de varios recursos, hoxe, 16 de xuño, Espina y Delfín faise cargo do servizo do ciclo integral da auga”. Asemade, Miñones, tamén quixo pór en valor a confianza sentida polo Concello no traballo que a partir de agora desenvolverá a nova empresa adxudicataria do servizo”.

Haberá melloras na xestión dos depósitos coa implantación dun sistema de telexestión, así como unha rebaixa das tarifas nas obras de saneamento e abastecemento

O novo contrato do Ciclo integral da auga presenta varias melloras. Unha delas é a adquisición dun vehículo que conta cunha cámara para inspeccionar a rede, detectando posibles problemas dunha maneira non invasiva. Tamén haberá melloras na xestión dos depósitos coa implantación dun sistema de telexestión, así como unha rebaixa das tarifas nas obras de saneamento e abastecemento que se lle realicen tanto aos usuarios e usuarias como ao concello. A atención ao cliente tamén se verá mellorada coa ampliación do horario da oficina do servizo municipal de augas, que comezará a estar aberta tamén os sábados pola mañá.

Asemade, a partir de agora os cobros serán realizados polo Concello, a través dunha licitación coa Abanca, empresa finalmente adxudicataria do servizo. Desta maneira, o Concello comezará a ter información relativa aos pagamentos, podendo así evitar algúns dos problemas que se veñen sucedendo nos últimos trimestres, como o non cobro dos respectivos padróns por parte da empresa anterior. Alén diso, tamén se está a traballar na contratación dun enxeñeiro de camiños, para poder ter un maior control do servizo da auga, e para poder realizar un estudo de municipalización do servizo.

“O proceso de selección foi transparente e participativo con todos os grupos, polo que non se comprende a solicitude dun pleno extraordinario por parte do Partido Popular e Pacto de Ames”

O rexedor municipal tamén mostrou a incomprensión sentida polo grupo de goberno a respecto do pleno extraordinario solicitado por dous grupos da oposición. “O proceso de selección foi transparente e participativo con todos os grupos, polo que non se comprende a solicitude dun pleno extraordinario por parte do Partido Popular e Pacto de Ames”, asegurou José Miñones.

Por outra banda, o administrador da empresa Espina y Delfín, Óscar Rodríguez, quixo destacar que os servizo de augas de Ames é para eles un servizo emblemático, por ser un dos primeiros que tivo a empresa. Durante a presentación do novo contrato, Rodríguez tamén tivo unhas palabras para as amesás e os amesáns. “Queremos dicirlle á veciñanza de Ames que poden esperar de nós un traballo moi profesional, como sempre o temos desenvolvido. Desde a empresa pensamos que este contrato é un motivo de alegría para nós e tamén para as veciñas e veciños de Ames”, apuntou.

O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, dixo que coa nova empresa esperase regularizar a situación e “sobre todo que o trato dos usuarios e usuarias do servizo de augas mellore notablemente, algo que nos últimos meses tiña empeorado coa xestión da empresa Acciona, e que se reflectía no incremento de queixas e protestas”.