Espina y Delfín xestionará o ciclo integral da auga a partir do 16 de xuño

Este pasado luns, 29 de maio, rematou un longo proceso no que se sacou a concurso e se adxudicou o Ciclo integral da auga.

546

Dende o goberno municipal destacan a transparencia deste proceso

O goberno municipal deulle luz verde á resolución dos recursos e alegacións presentadas durante o devandito proceso. Deste xeito, a empresa adxudicataria é Espina y Delfín que comezará a xestionar o devandito servizo o vindeiro 16 de xuño. Dende o goberno municipal destacan a transparencia deste proceso e agradecen o traballo de todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal que participaron dende o inicio na elaboración dos pregos e nas posteriores xuntanzas para tratar de desbloquear e resolver a adxudicación deste contrato.

No pleno de abril de 2016 a corporación municipal aprobou por unanimidade os pregos técnicos que rexeron a licitación da xestión do servizo publico do Ciclo integral da auga. En novembro de 2016 a Mesa de Contratación, por unanimidade dos membros, propuxo a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso. Esta proposta foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de decembro de 2016, mediante a modalidade de concesión administrativa por un prazo de 2+1+1.

De seguido, no pleno extraordinario celebrado o pasado 14 de febreiro aprobouse a suspensión do inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga, que resultou do contrato formalizado o pasado 27 de xaneiro de 2017 entre o Concello e a empresa adxudicataria de dito servizo, Espina y Delfín SL, debido aos recursos de reposición presentados contra o acordo tomado en pleno o pasado 29 de decembro de 2016, de adxudicación da licitación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga.