O Equipo@ Milladoiro da Comandancia da Garda Civil da Coruña investigou a un home de Granada ao estafar dentro do ámbito da ciberdelincuencia a un veciño de Ames por un delito de estafa menos grave. Os feitos iniciáronse cando o representante dunha empresa amesá acudiu ao Cuartel da Garda Civil de Milladoiro para denunciar que realizara unha compra de material de construción por valor de 2.100 euros. O responsable da empresa atopara nun coñecido portal de Internet, un anuncio, onde o estafador vendía diverso material de obra, que se axustaba ao que a súa empresa estaba a buscar.
O denunciante, contactou co investigado, chegando a un acordo no prezo envío e demais detalles da compra. Cando o trato estaba pechado o ciberdelicuente mandoulle unha factura á súa vítima, facéndose pasar por unha empresa legal, copiando o formato da factura, datos fiscais e logo. O denunciante realizou o pagamento sen desconfiar da veracidade da factura. Pasados uns días, e ao ver que o envío non chegaba, realiza chamada telefónica en diversas ocasións á suposta empresa. O teléfono desta sempre estaba apagado. Cando atopou o verdadeiro contacto da empresa e puido pórse en contacto coa mesma, comunicáronlle que non venden produtos por internet e comprendeu que fora vítima dunha estafa por parte de alguén que suplantaba a compañía real.
O Equipo @ Milladoiro procedeu a localizar ao autor ou autores do delito. Como resultado do traballo realizado a Garda Civil localizou ao suposto estafador, procedendo á súa investigación como autor dun delito de estafa. As dilixencias instruídas, foron remitidas ao Xulgado de Garda de Santiago de Compostela.