A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España
O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van trinta e dous, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organizan o xa tradicional Descenso do Tambre. Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 14:00 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames).
No descenso do Tambre participarán padexeiros e padaxeiras correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, xuvenil e cadete), kaiak muller (sénior, xuvenil e cadete) e canoa home (sénior, xuvenil e cadete). De seguido, a partir das 17:00 horas desenvolverase a segunda parte do evento. Na proba de circuíto, que se desenvolverá na propia praia fluvial de Tapia, poderán participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1. O devandito circuíto contará cunha distancia dun quilómetro e medio.
Unha vez finalizadas todas as probas, farase a entrega de premios que está prevista para as 20:30 horas, aproximadamente. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España.
Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2017 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Cada club poderá inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros e padexeiras que consideren, sen límites.