Este mércores comezan as obras de pavimentación do camiño de Miso, en Lens

Este mércores, 26 de Xullo, comezarán as obras de pavimentación e mellora do Camiño de Miso, ubicado na parroquia amesá de Lens.

450

O proxecto aprobado recolle diferentes actuación sobre o pavimento do citado Camiño, entre as que se encontran asfaltar e arranxar as fochancas da calzada

Este mércores, 26 de Xullo, comezarán as obras de pavimentación e mellora do Camiño de Miso, ubicado na parroquia amesá de Lens. O traballo foille adxudicado o pasado 20 de Xullo a Empresa Martínez Montes e Hijos SL por un montante total de 30.855 euros. A obra está incluída no orzamento municipal para o exercicio de 2017 aprobado na Xunta de Goberno Local celebrada o 29 de Xuño deste mesmo ano e ten unha duración aproximada duns 6 meses. Máis tarde, ese mesmo día tamén se reunirán membros do Concello coas veciñas e veciños da aldea de Miso e cos membros da Asociación Veciñal de Lens para abordar as obras de saneamento, que complementan as citadas anteriormente.

O proxecto aprobado recolle diferentes actuación sobre o pavimento do citado Camiño, entre as que se encontran asfaltar e arranxar as fochancas da calzada, pretendendo mellorar a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, que ten unha lonxitude de 400 metros por 4 de ancho. Tamén se substituirá todo o pavimento dun treito de 140 metros por 5 de ancho, que será reasfaltado con 5 centímetros de zahorra e 15 de formigón, previa demolición, nivelación e compactación do firme actual.

A duración aproximada destas obras serán uns 6 meses

Por outra banda, tamén se contempla no proxecto a execución dunha cuneta de seguridade no Camiño, revestida de formigón, baixo a que se canalizará unha tubaxe de PVC de 215 milímetros de diámetro, á vez que se farán 4 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, previa escavación dunha gabia co seu respectivo recheo compactado da mesma.

Desta maneira, enlázanse os dous proxectos que se queren desenvolver sobre esta zona, xa que hai previstas unhas obras de saneamento no mesmo lugar. Para abordar esta outra actuación, farase unha reunión entre membros do Concello, veciñas e veciños da aldea de Miso e a Asociación de Veciños de Lens ás 18:00h da tarde. A licitación do proxecto foi asignada xa a Espina & Delfín SL, que é a empresa que xestiona o abastecemento de auga do Concello. A duración aproximada destas obras serán uns 6 meses.

Por parte do Goberno ponse de manifesto o inicio das obras que ían dentro dos orzamentos municipais para este ano, e poñen en valor a complementación desta obra coa de saneamento, a cal se fará con fondos propios. “aqueles que din que este Goberno non aposta polo rural deberán de pedir perdón a finais de ano cando se contabilice todo o investimento realizado polas distintas parroquias amesás”, dixo o concelleiro de Obras e Servizos, Blas García. “Nós continuamos paso a paso co noso traballo de ampliación das redes de saneamento, tal e como comprometemos ao comezo deste mandato”, concluíu García.