Este venres volve Millarock

568

Os concertos comezarán ás 21:00 horas no aparcadoiro da Travesía do Porto

Após seis anos sen celebrarse, o festival Millarock recuperouse outra vez o ano pasado, cando se celebrou na Praza da Madalena (escenario da primeira edición do festival). Este ano o local escollido é o aparcadoiro da Travesía do Porto. Os concertos comezarán ás 21:00 horas para que, deste xeito, as familias con nenas e nenos pequenos tamén teñan a posibilidade de achegarse ata os concertos.

O cartel desta edición confórmano catro grupos representativos do panorama rock actual en galego: Heredeiros da Crus (inmersos na celebración do seu 25 aniversario), Medomedá (que tamén presenta novo disco), Familia Caamagno e A compañía do Ruído. O primeiro grupo en actuar será A Compañía do Ruído, ás 21:00 horas, seguido de Familia Caamagno, que subirá ao escenario a partir das 22:15 horas. Ás 23:30 será a quenda de Medomedá e, por último, para pór punto e final a sétima edición do Millarock actuarán Heredeiros da Crus.

O concelleiro de Cultura, David Santomil quixo agradecer aos grupos a súa participación e convidou a toda a veciñanza a asistir aos concertos: “Agradezo a participación dos grupos e a colaboración da Deputación da Coruña. Tamén desexo que toda a veciñanza do Milladoiro, de Ames e dos concellos veciños asista aos concertos e goce dunha noite de rock en galego. De igual maneira, gustaríame convidar á veciñanza a asistir ás festas do Milladoiro que se celebran ata o vindeiro 7 de xullo”.

O baixista de Heredeiros da Crus, Francisco Velo, mellor coñecido como Jran Fran, destacou que o do Millarock vai ser un concerto con moito espectáculo e moito gamberrismo

O baixista de Heredeiros da Crus, Francisco Velo, mellor coñecido como Jran Fran, destacou que o do Millarock vai ser un concerto con moito espectáculo e moito gamberrismo: “Como en todos os nosos concertos, no deste venres vamos facer unha escolla dos maiores hits e, como en calquera concerto dos Heredeiros, calquera cousa pode pasar. Heredeiros sempre a monta, ata sen querelo. Vamos ofrecer unha boa dose de rock and roll, de espectáculo e, sobre todo, de festa”.

O guitarrista da Familia Caamagno, Lano Caamagno, asegurou que esta vai ser unha noite de moito rock and roll: “Musicalmente, nós definímonos como rock and roll, aínda que tocamos moitos paus deste xénero. E no que á performance se refire, nos concertos nós o que tentamos sempre é que a xente o pase ben, que a xente non pare de bailar. Os nosos concertos están pensados para iso, para que o público goce e baile. Familia Caamagno non é a típica banda que mira para os pés mentres actúa”.

Pola súa banda, unha das voces da Compañía do Ruído, Suso Vello, afirmou que este venres A Compañía estará presentando un novo proxecto: “Neste momento, estamos coa presentación do noso novo traballo. A Compañía é unha banda que sempre está a rumiar, que non se conforma co que xa fixo. Así, sempre estamos a idear novos proxectos, novas músicas. Agora estamos presentando 12 meses, 12 punchis, que sería algo así como 12 meses, 12 causas ao estilo da Compañía do Ruído”.

Pais, membro do grupo Medomedá, destacou a importancia que para eles ten este concerto: “Para nós é unha cita importante esta do Millarock, xa que fai parte da xira de despedida. Poderíase dicir que este concerto é o primeiro dos últimos”.