“Ethel Vázquez reuniuse co Concello xusto cando nós celebrabamos o cabodano do P2”

557

A veciñanza das parroquias de Ortoño, Biduído e Bugallido leva xa máis dun ano sen o servizo da liña de autobús P2, que conectaba os lugares das súas parroquias con Santiago de Compostela. Dende entón levan organizadas varias mobilizacións coa fin de visibilizar esta problemática e lograr o regreso do bus. Entre estas accións estivo a de coller en masa as liñas que aínda unen algúns dos lugares destas parroquias amesás coa capital galega, para visibilizar a súa insuficiencia ao non poder responder á demanda do conxunto de veciños e veciñas. E, máis recentemente, a celebración do “cabodano” do P2, unha orixinal protesta para a que os veciños, vestidos de rigoroso loito e portando flores e fotos do “defunto”, simularon unha ceremonia relixiosa oficiada polo actor residente en Ames Federico Pérez, coñecido por aparecer en filmes como Cuñados (2021).

Chelo García, vogal da Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, é unha das principais organizadoras destas protestas, que pouco a pouco están servindo para que as administracións escoiten as demandas veciñais. “Dende que fixemos as primeiras protestas houbo máis interacción con Concello. Calquera cousa que eles saben nola fan saber, e imos avanzando”, indica. Porén, a pesar da satisfacción coa relación co Concello de Ames, non é este a única entidade pública coa que teñen que negociar: “unha vez que a cuestión xa depende da Xunta, estabamos pendentes dunha reunión do Concello con Mobilidade, coa conselleira de Mobilidade Ethel Vázquez”.

Esta reunión non se daba producido, mais, en palabras de García, despois de que a conselleira lle tivese dado “largas ao alcalde de Ames, dicindo que si, que se tiñan que reunir, pero que tiña varios alcaldes xa á cola, que casualidade que se reuniron cando nós celebrabamos o cabodano do autobús”. “A raíz de que os medios comezasen publicitar o que iamos facer, a conselleira tivo a ben darlle máis celeridade ao asunto. Entón entendo que algo estamos removendo, pero aínda así vai todo moi lento”, considera a vogal da asociación veciñal. A peculiar protesta, comenta, “xurdiu un pouco entre a comedia e a reivindicación”, xa que para eles “o P2 morreu o 23 de decembro de 2020, entón, visto que xa pasara un ano e non había ningún avance en nada, nada mellor que conmemorar o seu pasamento”.

A partir deste punto, dende a AAVV de Bugallido están expectantes por ver se as negociacións entre administracións chegan a bo porto. García conta que, inicialmente, a Xunta autorizara ao Concello a montar unha liña metropolitana propia, sendo o Concello quen financie a mesma. Porén, segundo explica a vogal da asociación, “a Xunta só admite un SIM, un Servizo de Interés Municipal, con dúas frecuencias dirección Ames-Santiago e outras dúas de volta de Santiago a Ames, para complementar o único bus que hai” que é a liña de Autocares Bustelo que sae dende Extramundi, en Padrón, pero cuxo percorrido consideran xa de por si escaso. Para a asociación, “dúas liñas adicionais a ese autobús son insuficientes”, razón pola cal o Concello de Ames amosouse disposto a financiar ata 4″, que foi o que trasladaron precisamente á conselleira Ethel Vázquez na reunión do pasado 23 de decembro.

A última nova que dende a AAVV teñen dende o Concello é que, nesa reunión, a Xunta comprometeuse a estudar a posibilidade de ampliar de 2 a 4 frecuencias a autorización. Porén, “a día de hoxe non sabemos nada máis, estamos á espera, tendo en conta tamén as datas nas que estivemos que sempre paralizan un pouco todo”. Varios dos representantes veciñais teñen un grupo de whatsapp co alcalde de Ames e con persoal do Concello coa fin de ter un contacto fluído, e confían en que, agora que “xa pasaron as festas e xa repousaron”, as negociacións comecen a dar o seu froito. “De momento imos na liña co Concello, xa que está avanzando, pero non descartamos seguir insistindo”, advirten respecto da posibilidade de que se produzan futuras mobilizacións de non avanzarse o suficiente na recuperación do servizo.