Éxito do Clube de Piragüismo Ribeiras do Tambre

977

O Club de piragüismo Ribeiras do Tambre participou nesta proba con 40 padexeiros

A praia fluvial de Tapia acolleu este domingo, 13 de agosto, a XXXII edición do descenso do Tambre. Uns 240 deportistas, pertencentes a 15 clubs galegos, xuntáronse en Ames para participar nesta proba deportiva. Jaime Sobrado, do Club Náutico Ría de Pontevedra, logrou o primeiro posto na categoría sénior K-1 masculina, mentres que na categoría sénior K-1 feminina o primeiro posto foi para María Alonso, do Club de piragüismo Olívico. Na categoría C-1 sénior masculina gañou Francisco Rodríguez, do Club piragüismo Rianxo-Toffe. Esta proba está organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo.

Un ano máis o río Tambre volveu a encherse de piraguas e canoas. Foron moitos os veciños de Ames que se achegaron ata a área recreativa de Tapia para gozar do piragüismo e ver aos mellores padexeiros e padexeiras de Galicia, que se deron cita na XXXII edición do descenso do Tambre. Arredor de 240 padexeiros/as, pertencentes a 15 clubs galegos, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames é xa toda unha referencia para o piragüismo galego.

Arredor de 240 padexeiros, pertencentes a 15 clubs galegos, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías

Na baixada desde a ponte de Portomouro ata a praia fluvial de Tapia participaron padexeiros/as das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Dentro destas categorías competiron arredor de 75 padexeiros e padexeiras que tiveron que percorrer unha distancia de 5.400 metros. Tampouco faltou o circuíto da praia fluvial, reservado ás categorías benxamín, alevín, infantil que percorreron 1.500 metros. Nas categorías de nenos/as participaron arredor de 165 padexeiros/as.

O Club de piragüismo Ribeiras do Tambre participou nesta proba con 40 padexeiros/as (15 no descendo do Tambre e 25 na proba do circuíto). Do cales, 12 acadaron medalla ao quedar entre os tres primeiros/as da categoría na que participaron. Tamén cómpre destacar que o club de piragüismo amesán gañou a clasificación xeral de clubs tanto do descenso do Tambre como da proba de circuíto. Alberto Viaño, do Ribeiras do Tambre, gañou a proba K-1 de veteranos, e chegou na segunda posición á liña de meta na clasificación xeral do descenso do Tambre.