Éxito dos irmáns Blanco Prol, veciños de Ortoño, no Open de Laredo de kickboxing

213

Unha familia de deportistas. Dous irmáns de Ames obtiveron meritorios postos no Open de Laredo de kickboxing, a primeira proba da Liga Last Round de kickboxing R2G, que se celebrou en Santander o sábado 26. Paula Blanco Prol acadou unha medalla de ouro e complementouna con dúas de prata e un bronce, mentres que Manuel Blanco Prol conseguiu os dous primeiros postos na categoría de cadete menor.

Ambos os irmáns, que residen en Ortoño dende 2015, participaron nunha competición avalada pola Federación Española de kickboxing. Só tres semanas antes conseguiran proclamarse campións galegos en varias modalidades dos seus respectivos pesos e categorías de idade.

Paula Blanco, actual dobre campioa galega absoluta en “pointfighting” e “light contact”, gañou nesta ocasión a proba de “pointfighting” de -55kg, mentres que rematou segunda en -60kg. Ademais, en “light contact”, foi segunda en -55kg e terceira en -60kg. Dende que en 2016 gañara o campionato de España na categoría previa á absoluta, Blanco é considerada deportista galega de alto nivel.

O seu irmán pequeno, Manuel Blanco, que compite na categoría cadete menor, gañou as probas de “pointfighting” e “light contact” no peso de -32kg. Manuel vén de gañar o campionato galego cadete en “light contact”, e de rematar segundo en “pointfighting”.