Éxito do Encontro Intercultural

545

O Encontro incluíu a degustación de pratos tradicionais, un obradoiro de cometas guatemaltecas e as actuacións do grupo de danza tradicional venezolana “Alma Llanera” e da cantante de tangos arxentina Rocío Freijanes

Venezuela, Colombia, Brasil, Guatemala, República Dominicana, Angola, Senegal, México, Marrocos e Galicia foron as nacionalidades que fixeron parte do Encontro Intercultural, celebrado este sábado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O Encontro incluíu a degustación de pratos tradicionais, un obradoiro de cometas guatemaltecas e as actuacións do grupo de danza tradicional venezolana “Alma Llanera” e da cantante de tangos arxentina Rocío Freijanes.

Ás 17:00 horas do sábado dábase inicio ao Encontro Intercultural deste ano 2017. A esa hora as mesas xa estaban dispostas, repletas de comida: había conservas de coco, pan de xamón e arepas de Venezuela, ceviche de gambas de Colombia, kibe e brigadeiros de Brasil, garnachas e dobladas de Guatemala, moro de frijoles con costela de República Dominicana, funge de muamba e pudim de Angola, auga de froitas de México, pastas e té de Marrocos e empanada e bica de millo de Galicia, entre outros pratos.

A iniciativa púxose en marcha no 2008, inicialmente nas aulas de galego e castelán impartidas polo Concello ás persoas migrantes chegadas a Ames

A partir das 18:30 desenvolveuse un obradoiro infantil para a elaboración de cometas tradicionais guatemaltecas, popularmente coñecidas como “barriletes”. As persoas asistentes puideron gozar, asemade, da actuación do grupo de danza venezolana “Alma Llanera” e da actuación de Rocío Freijanes, cantante de tangos de nacionalidade arxentina. A programación do Encontro completouse co visionado dun vídeo acerca de Venezuela.

Os Encontros Interculturais, que están organizados pola Concellería de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, procuran a interculturalidade entre a veciñanza de Ames mediante o intercambio de saberes e sabores, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través de algo tan común como é o comer. A iniciativa púxose en marcha no 2008, inicialmente nas aulas de galego e castelán impartidas polo Concello ás persoas migrantes chegadas a Ames. Tempo despois, a actividade pasou a ser aberta a toda a veciñanza adquirindo entidade propia. A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, quixo “agradecer a colaboración de todas as veciñas e veciños que participan destes encontros, xa sexa elaborando as súas receitas, participando dos obradoiros ou simplemente achegándose a degustar e compartir, sen esquecer tamén o traballo realizado polos técnicos municipais”.