Éxito de participación na xornada sobre o TEA

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado sábado, 20 de maio, a primeira xornada formativa sobre o TEA.

384

Os obxectivos desta xornada foron informar sobre o grao de coñecemento que os traballadores das institucións culturais teñen sobre o TEA

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado sábado, 20 de maio, a primeira xornada formativa sobre o trastorno do espectro autista (TEA), na que se abordaron os recursos para a inclusión socioeducativa das persoas que padecen esta doenza. Na inauguración desta xornada estiveron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o impulsor desta iniciativa, Marcos Pinaque, así como representantes das entidades colaboradoras. A finalidade desta xornada foi promover a sensibilización e formación dos traballadores das institucións culturais para que poidan facilitar a inclusión social das persoas con TEA nas bibliotecas, nos museos, nos centros educativos e na universidade.

Os obxectivos desta xornada foron informar sobre o grao de coñecemento que os traballadores das institucións culturais teñen sobre o TEA; promover a sensibilización e formación de ditos traballadores para a inclusión social das persoas con TEA; crear un espazo de intercambio de información sobre boas experiencias e recursos para a inclusión das persoas con TEA nas bibliotecas, os museos, os centros educativos e a universidade entre diferentes profesionais; e favorecer un encontro entre diferentes institucións (bibliotecas, centro educativos, universidades e museos), procurando, en conxunto, formular propostas de inclusión, equidade e igualdade.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou “o carácter multidisciplinar desta xornada na que participaron profesionais dos ámbitos da psicoloxía e educativo, así como moitas familias interesadas polo trastorno do espectro autista. Foi unha actividade que espertou un gran debate arredor deste tema, polo que resultou moi produtiva para todas as persoas participantes. Estou moi satisfeito de que Ames puidera acoller esta primeira xornada e propuxemos, que de cara ao vindeiro ano, se realice o segundo encontro para poder afondar nas cuestións tratadas durante a primeira xornada”.