Éxito de participación nos campamentos de verán

484

Todos os campamentos comparten o obxectivo de ofrecer ás rapazas e rapaces amesáns unha alternativa de lecer e educativa durante o verán

Cada campamento, dos 7 que o Concello de Ames organizou para xuño e xullo, ten as súas propias características; porén todos comparten o obxectivo de ofrecer ás rapazas e rapaces amesáns unha alternativa de lecer e educativa durante o verán. Sobresae, asemade, o compoñente ambiental común a todos eles.

Os campamentos de verán do Concello de Ames comezaron a desenvolverse durante a última semana de xuño. O primeiro en ter lugar foi o da Granxa Escola Fervenza do Toxa, en Silleda. Alí as 42 nenas e nenos (de Educación Infantil) participantes puideron facer repostaría, cuidar da horta e dos animais, así como realizar un obradoiro para coñecer os anfibios da charca que hai na granxa escola, entre outras actividades.

O seguinte campamento en ter lugar foi o da Granxa Escola de Barreiros, en Sarria. Destinado a nenas e nenos de 1º e 2º de Educación Primaria, estivo dividido en dúas quendas. A primeira do 26 ao 28 de xullo e a segunda, do día 29 ao 31 dese mes. Na Granxa Escola de Barreiros, as nenas e nenos tiveron a oportunidade de entrar en contacto con diferentes produtos naturais a través da súa elaboración, facendo, por exemplo, queixo ou unha crema cicatrizante con cera de abella, aceite de oliva e aceite de caléndula. De igual maneira, tamén realizaron un tramo do Camiño de Santiago e construíron o seu propio bastón de peregrinas e peregrinos.

En setembro desenvolverase o último campamento municipal deste verán

O Galipark Multiaventura, en Padrón, desenvolveuse entre o 4 e o 7 de xullo. Alí, as e os participantes, de 3º e 4º de Educación Primaria, experimentaron a aventura en primeira persoa con tirolina, rocódromo, arborismo (pontes colgantes entre árbores)… Neste campamento, as e os 96 usuarios tamén tiveron actividades orientadas ao descubrimento da fauna e da flora da zona e realizaron algunhas camiñadas. Pola súa banda, o campamento Astronomía e Aventura en San Xoán de Río, na provincia de Ourense, desenvolveuse entre o 3 e o 8 de xullo e contou coa participación de 56 rapazas e rapaces, de entre 5º e 6º de Educación Primaria.

A Acampada Xuvenil Mar do Grove, en Fieitas, tivo lugar entre o 2 e o 9 de xullo. Durante estes días, as 32 rapazas e rapaces de 1º, 2º e 3º da ESO que participaron realizaron unha visita a Illa de Ons, unha ruta nocturna, así como múltiples actividades acuáticas (surf, body board, snorquel e scooter). De igual maneira, tamén construíron unha zona de acampada de supervivencia, onde pasaron unha noite e fixeron unha grellada.

O Campamento Xuvenil Mar de Cangas foi pensado para rapaces e rapazas entre 4º de ESO e 2º de Bacharelato

O Campamento Xuvenil Mar de Cangas foi pensado para rapaces e rapazas entre 4º de ESO e 2º de Bacharelato. Durante unha semana, as 28 rapazas e rapaces participantes tamén puideron practicar diferentes deportes acuáticos e coñecer as Illas Cíes e a contorna do municipio de acollida.

Ao longo de dúas semanas, desde o luns 10 até o venres 21 de xullo, 25 nenas e nenos participaron do campamento da Aula da Natureza, na parroquia de Ameixenda. Durante estas dúas semanas, realizaron experimentos, obradoiros e camiñadas, e aprenderon a respectar a natureza e a identificar diferentes insectos, plantas flores e algunhas setas. Ademais, este ano, un dos eixos centrais do campamento foron as plantas medicinais, das que as nenas e nenos coñeceron as súas propiedades e coas cales realizaron aceites e outros ungüentos, así como un botiquín de fadas e druídas.

En setembro desenvolverase o último campamento municipal deste verán; unha novidade que se implantou o ano pasado, xa que ata ese momento os campamentos municipais remataban co fin de xullo. Así, entre o 29 de agosto e o 3 de setembro, rapazas e rapaces (de entre 6 e 16 anos) poderán gozar da natureza na Granxa Escola Kirico que, ademais, ofrece actividades de kayak e hípica. Ata o de agora, foron cubertas 42 prazas dun total de 50, polo que aínda é posible inscribirse neste campamento. O custe total é de 150 euros por participante.