Ezequiel Mosquera: “O ciclismo é un vehículo para exportar territorio e paisaxe”

252

O vindeiro mes de febreiro pasará por Ames a volta ciclista O Gran Camiño, unha proba que pretende recuperar a Volta a Galicia e que foi presentada na Ponte Maceira a finais do pasado mes por representantes das diferentes administracións, ciclistas profesionais e outras figuras do mundo do ciclismo. Entre eles estivo Ezequiel Mosquera, ciclista profesional retirado que hoxe lidera a empresa Emesports (polas siglas de Ezequiel Mosquera Events), adicada tanto a prestar servizos a organizadores de eventos deportivos como a organizar os mesmos. Falamos con el sobre esta nova volta ciclista, en cuxa preparación participa a través da súa empresa.

Fai falla unha volta a Galicia como a que pretende ser este “Gran Camiño”?

Eu creo que si. Sempre a houbo, deixou de existir non sei se pola titularidade, por desinterese… O caso é que hoxe en día a difusión que esta tendo o ciclismo como vehículo para exportar territorio, exportar paisaxe, é un argumento moi sólido para pensar en recuperar un evento coma este.

Dende a túa retirada en 2012 nunca deixaches de estar vencellado ao mundo das dúas rodas. Que tal é vivir o ciclismo dende a posición de organizador de eventos en Emesports?

É diferente. Digamos que nós xeralmente prestamos servizos, e organizamos puntualmente os eventos que nos gusta organizar, como pode ser Ézaro. Iso permítenos ver ós eventos dende outro prisma, e vas vendo cales son viables e rendibles e cales non o son tanto. Como empresa vivimos de moitas modalidades deportivas, e o ciclismo profesional é un deporte ata certo punto caro de producir, nas infraestruturas, en todo o que representa á realización audiovisual… É un deporte que custa diñeiro. Pero a televisión confírelle un potencial tremendo, e a diferencia que ten con respecto a outros deportes.

O camiño pasará por Ames, limítrofe co teu Teo natal. Coñecías xa os tramos?

Si, ho, eu os tramos de aquí téñoos todos bastante pipeados (risas). Pero claro, temos que equilibrar kilómetros, subidas e demais para ter unha volta equilibrada no plano deportivo.

E consideras que é Ames un bo Concello para o ciclismo?

O Concello de Ames ten unha poboación xove, que é unha poboación onde está medrando o ciclismo exponencialmente, tanto no ciclismo popular como competitivo. Así a bote pronto sáeme o nome de dous clubs de Ames grandes e con bastante xente, e seguro que se me escapa algunha peña por aí ben estruturada e con moitos socios. E despois os que saen pola súa conta, que son un montón deles tamén. Coido que hai moita afección.

O período máis destacado da túa carreira foi disputando a Vuelta a España a finais dos anos 2000 no Xacobeo Galicia. Como vés o estado do ciclismo galego hoxe en día en comparación?

A realidade é que, se ben falamos de que a afección o ciclismo medra de xeito imparable, se miramos as escolas de formación e están pasando horas baixas, pola falta dalgún referente que axude a impulsar dende a canteira esa afección ciclista que sempre houbo aquí. Algo así dinamizaría moito e recuperaría ese espírito. Antes, por exemplo, había moitos nenos nas escolas de ciclismo, con pais que sacrificaban moito tempo para levarlles ás estradas, e agora falta un pouco diso. Tamén existe algo de medo por parte dos pais a deixar aos seus nenos ir á estrada, unha cultura que si existe en Bélxica e Países Baixos, por exemplo, onde as carreteiras son máis seguras a este respecto.  Hai que traballar no tema, cónstame que xa se están tomando medidas para recuperar esa canteira que sempre houbo.

Facía falla unha empresa galega para colaborar coas administracións neste tipo de eventos?

Si, fai falla alguén que teña coñecemento do medio e os medios para facelo. E que teña o punto de tolemia que temos nós para meternos nisto (risas). Pero non nos meteriamos nesto se non nos gustara. Hai moitos traballos pero non tantos onde che sintas realizado coma neste caso.