Fallou o xurado do XXI Certame Literario de Ames

160

O xurado da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames, nunha xuntanza celebrada o 29 de maio, acordou de maneira unánime os textos gañadores de poesía e narrativa do concurso. Nesta edición recibíronse traballos de toda Galicia e doutros puntos máis afastados da nosa xeografía.

Os traballos gañadores proceden dun total de 11 concellos distintos, espallados por toda a xeografía galega. Entre a listaxe de obras premiadas atópanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Cambados, Santa Comba, Brión, Nigrán, A Laracha, Allariz e Lugo. No concello amesán quedan dous galardóns: o terceiro premio da primeira categoría na modalidade de poesía e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade de poesía.

Premiados/as no certame
As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron Mencía Naz Martín, Ana López Canosa e Daniel García Fernández, na primeira categoría; Nuria Lourido Romar, Amalia Blanco Pose e Anxo Pérez Prego, na segunda categoría; e Fernando Redondo Neira, Héctor Cajaraville Araújo e Pedro Naveira Pedreira, na terceira categoría.

Na modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron Arwen Fernández García, Marcos Iglesias Lista e Moira Rivero Rodríguez, na primeira categoría; Mariña Souto Pazó, Anxo Pérez Prego e Claudia Caamaño Rama, na segunda categoría; e Mario Sanfrutos Carreras, María Comesaña Besteiros e Alberte Momán Noval, na terceira categoría.

Todos eles recibirán o recoñecemento este sábado, día 8 de xuño, ás 12 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. 

 As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.