FC Meigas e EFS Trasgos organizan o campus de Nadal “Santi Valladares” de fútbol sala

279

A rapazada futboleira de Ames está de noraboa, pois o Fútbol Club Meigas e as Escolas de Fútbol Sala Trasgos volven organizar, tras un ano de paréntese, o seu habitual campus de Nadal. Esta vez levará o nome do adestrador Santi Valladares, hoxe director deportivo do FC Meigas. Está pensado para rapazas e rapaces de entre 4 e 17 anos, e desenvolverase dende o 22 ata o 29 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas, no pavillón de Bertamiráns. Ademais, haberá servizo de gardería de 9:00 a 10:00 e de 14:00 a 14:30 horas. A inscrición pode realizarse a través desta ligazón ata o 17 de decembro.

Ademais da práctica do fútbol sala, baixo a responsabilidade do equipo técnico e formativo dos clubs, a rapazada poderá gozar doutras actividades deportivas, como baloncesto, voleibol, balonmán ou colpbol. A chave da programación é fomentar os valores do deporte, en especial a igualdade de xénero e a non discriminación.

O campus completo terá un custo de 110 euros, 100 euros no caso de que a rapazada que queira participar xa estea inscrita nalgún dos equipos organizadores. Tamén se ofertan prazas para asistir unicamente a unha das dúas partes nas que se divide a programación. O prezo neste caso será de 60 euros, 55 para as nenas e nenos dos equipos que organizan o campus. Os períodos de tres días nos que se dividen as actividades son do 22 ao 24 e do 27 ao 29 de decembro. Para máis información, pódese escribir un correo ao enderezo electrónico fcmeigas@gmail.com, ou ben contactar ao teléfono 621 043 327.