Finaliza con éxito o curso técnico de compostaxe impartido por ADEGA

166

A Asociación Ecoloxista ADEGA rematou o seu primeiro ciclo formativo en mestría en compostaxe en 2022, denominado “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que se desenvolveu do 9 de maio ao 7 de xuño nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situadas no lugar de Quintáns, na Ameixenda. O curso está cofinanciado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A proposta de formación completou prazas e algún dos alumnos xa acadou traballo grazas a esta titulación.

O obxectivo das accións formativas foi dotar ao alumnado dunha visión completa sobre a problemática actual dos residuos, capacitando a profesionais no proceso e técnicas de compostaxe, que coñezan e determinen a calidade e usos do compost, así como a adquisición de habilidades específicas para implementar unha educación ambiental de calidade.

O Concello de Ames colaborou con ADEGA cedendo as instalacións para a realización dos cursos. No inicio da formación, o concelleiro e a técnica de Medio Ambiente, Manuel Lens e Patricia Reboreda, xa prognosticaban e desexaban un curso de proveito con moitas oportunidades e posibilidades de emprego verde e de futuro. De feito, completáronse todas as prazas dispoñibles, á vez que se ofreceu un servizo de calidade a través dunhas boas instalacións e persoal técnico cualificado.

Este proxecto está subvencionado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Todas as accións desenvoltas neste curso son gratuítas para as persoas participantes ao estaren cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020, para conseguir formación e un emprego de calidade. 

No segundo semestre de ano desenvolveranse outros cursos técnicos de compostaxe descentralizada, agardando unha exitosa acollida como a que tivo o xa realizado. Calquera persoa interesada nestes cursos, que estea en situación de desemprego, pode poñerse en contacto con ADEGA no correo electrónico compostaxe@adega.gal.