A presentación de “As pegadas de Rosalía” terá lugar o venres 19, no stand que Galicia terá na Feira Internacional de Turismo de Madrid
O itinerario cultural toma como referencia a ruta deseñada polo intelectual Avelino Abuín de Tembra e está concibido para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta 13 de xaneiro de 2018.- O alcalde de Ames, José Miñones, o alcalde de Brión, José Luis García, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, presentarán o vindeiro venres en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur) un proxecto conxunto dunha Ruta Rosaliana denominado “As pegadas de Rosalía”.
Esta iniciativa, que pretende achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a poboación, desenvolve un itinerario cultural a partir dunha ruta xa existente deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra e que une os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro.
Dito itinerario está concibido para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta e pasa por lugares como San Xoán de Ortoño (Ames), a igrexa de Bastavales (Brión), a colexiata de Iria Flavia (Padrón), o Pazo de Arretén (Padrón) e a Casa de Rosalía de Castro (Padrón).
“As pegadas de Rosalía” son un novo produto turístico e cultural que responde ás actuais demandas das viaxeiras e viaxeiros, como son a busca de inmersión en destino, o respecto á identidade do territorio, o contacto coa poboación local ou a protección do medio ambiente, entre outras.
Os rexedores dos tres concellos implicados nesta iniciativa agradecen a colaboración prestada durante o proceso de creación da ruta “As pegadas de Rosalía” por parte de Xosé Vizoso, autor do deseño da portada do material promocional, e por parte do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, que tamén asistirá á presentación, pola cesión de imaxes e o material documental empregado.
A presentación de “As pegadas de Rosalía” terá lugar o venres 19, a partir das 10.30 horas, no stand que Galicia terá en Fitur, no pavillón nº 9 de Ifema, e será aberta a todas as persoas que queiran achegarse.