Formoso sinala ao cambio climático e á despoboación rural como os retos para acabar cos incendios forestais

180

O presidente da Deputación cualificou a cifra de incendios do pasado verán, con máis de 46.000 hectáreas queimadas en Galicia, de “dramática” e chamou a “deixar de falar cunha terminoloxía baleira sobre os incendios”, facendo a alusión a que “o reto demográfico e o despoboamento do rural están en todos os programas electorais e no discurso de calquera político pero aterrar esa terminoloxía e esa preocupación é francamente difícil se non se está disposto a revolucionar o seu propio país”. 

O titular da institución supramunicipal fixo estas afirmacións no transcurso da xornada ‘La lacra de los incendios forestales’, organizado pola Deputación da Coruña xunto con Next Educación e a European Climate Fundation, que se celebrou no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Concello de Culleredo, e que foi inaugurado polo alcalde e deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, o xonalista Manuel Campo Vidal e o propio Formoso. 

“Non pode ser que en Galicia haxa unha superficie abandonada tan grande nun país tan produtivo e onde tanto talento, tanta xuventude que emigra de Galicia, podería non facelo se este país fose máis produtivo”, afirmou González Formoso, que cree que “hai que adoptar medidas valentes, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Goberno do Estado, todos e todas temos deberes”.

“Temos que pasar das palabras aos feitos”, expuxo Formoso que lembrou as iniciativas postas en marcha pola Deputación en A Capela onde se vai instalar a única oficina especialmente dedicada a informar no medio rural dos fondos Next, a nova oficina provincial ‘Acelera Pyme’ que apoia a transformación dixital dos concellos desde Ponteceso e o servizo de Teleasistencia, que se achega a mçais de 3.000 usuarios.

Relatorios de expertos e profesionais de diferentes sectores

O foro ‘La lacra de los incendios forestales’, que estivo conducido polo xornalista Manuel Campo Vidal e no que tamén participou o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, incluíu, durante toda a xornada, diferentes relatorios.

O primeiro foi sobre a importancia da transición ecolóxica para loitar contra os incendios e correu a cargo do enxeñeiro de Montes, Juan Picos. Tamén se deu voz aos territorios afectados por vagas de lumes deste verán, como Boiro e o Barco de Valdeorras, coas intervencións dos seus alcaldes, José Ramón Romero e Alfredo García, acompañados dun representante da ASC Bombeiros de Galicia e dunha asociación veciñal. 

Falouse das posibles solucións e da importancia da prevención e da loita contra o despoboamento fronte ao lume, cun coloquio no que participaron representantes dos principais medios de comunicación galegos. 

A xornada pechouse analizando o papel das institucións, que defenderon representantes das catro deputacións galegas.