Fronte común en Ames dos concellos galegos de tamaño medio

182

Esta mañá celebrouse no Pazo da Peregrina unha xuntanza dos concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes para “debater e poñer en común a discriminación que estamos a sufrir”, sinalou o alcalde de Ames, Blas García. Estes 16 concellos representan un 17% da poboación de Galicia, e nos últimos “tempos sufrimos unha discriminación importante á hora de poder acceder a axudas e subvencións das distintas administracións: Deputación, Xunta, Estado é Europa”, asegura o rexedor. García afirma que “a unidade fai a forza, e nesta ocasión logramos plantexar os problemas existentes e sentar as bases para seguir falando e buscar solucións”.

“Sería beneficioso reivindicar conxuntamente o noso papel estratéxico, e así poder obter importantes melloras na nosa xestión diaria”. Con esta premisa abordaba o alcalde de Ames Blas García, o convite que lles fixo aos representantes dos 16 concellos galegos que, coma Ames, pasan dos 20.000 habitantes e non chegan aos 50.000, municipios que García cualifica de “espazos esenciais para a integración e o equilibrio do conxunto do territorio galego” e de “dinamizadores da economía dos nosos municipios e tamén da nosa contorna”.

Dende este punto deu comezo a xuntanza de hoxe, na que representantes de diversas formacións políticas coincidiron en poñer “enriba da mesa os problemas comúns” dos seus territorios. Así o indicou o alcalde de Ames, Blas García, que na intervención inicial salientou as singularidades destes 16 concellos e a importancia do traballo conxunto. “Temos a necesidade de non politizar nestas cuestións porque todos somos de partidos políticos distintos e esa marxinación ademais xorde de todas as administracións, e a problemática agravase agora máis cos fondos europeos. É moi importante e necesario que poñamos enriba da mesa os problemas comúns que temos e que busquemos solucións”.

Pola súa banda, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, manifestou que “o que está claro é que todos os que estamos aquí vertebramos un territorio, e a nosa veciñanza ten as mesmas obrigas e os mesmos dereitos que o resto de cidadáns, tanto os dos concellos máis pequenos como os das cidades máis grandes”, e lembrou que un dato que se debería poñer en valor é que os 16 concellos presentes son os que máis axudan a soster a caída demográfica de Galicia desde o ano 2000. “Mentres que a comunidade autónoma perdeu 30.081 habitantes neste tempo, os concellos que estamos neste abano gañamos 70.043 habitantes”. Ademais, insistiu nas claras diferenzas orzamentarias destes municipios, prexudicados por seren dun tamaño intermedio. “A veciñanza destes concellos recibe 127 euros menos que a media do conxunto en Galicia”, resaltou Varela ao término da reunión.

Os representantes dos 16 concellos reiteraron o seu agradecemento ao alcalde de Ames por tomar a iniciativa e coordinar esta xuntanza e cualificárona de “moi necesaria”. Do mesmo xeito coincidiron na necesidade de facer coñecedoras ás distintas administracións  das singularidades deste tipo de concellos, das contribucións que están a facer pero, sobre todo, da problemática á que se enfrontan no seu día a día. As reclamacións máis repetidas polos representantes dos 16 concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes son a discriminación dos fondos europeos e a problemática que supón a xestión destas axudas, a asunción de competencias impropias, a falta de persoal municipal e a necesidade de reformular a Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local e a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.

O presidente da FEGAMP vai elaborar un documento para trasladarlle á Deputación, á Xunta e á administración do Estado as singularidades destes 16 concellos, as súas problemáticas e as súas demandas. Ao longo desta semana os 16 concellos participantes poderán achegar peticións concretas e marcar os obxectivos que completen este documento.