A Fundación Francisco Franco é declarada non grata no concello de Ames

494

Acordouse declarar a Fundación Franco non grata no Concello de Ames e facer unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador

No pleno ordinario de onte o punto que máis debate creou foi unha moción presentada polo grupo municipal do BNG sobre o Pazo de Meirás. O grupo do PSdeG e de Contigo Pódese apoiaron dende un primeiro momento a proposta presentada polo BNG. Así tamén o fixo o grupo municipal de Ames Novo pero anunciou a engádega de dous puntos sobre o texto inicial. Dende o grupo de Pacto por Ames pediron nun primeiro momento que se retirase a moción e se fixera unha declaración institucional entre todos os grupos políticos. Por último, dende o grupo municipal do Partido Popular propuxeron a modificación de varios puntos do texto inicial.

Tralas quendas de intervención de cada un dos voceiros/as chegouse ao acordo de facer un receso de 10 minutos co obxectivo de chegar a un acordo no texto final de dita moción, xa que no fondo estaban todos/as de acordo, pero tan só había diferencias en como redactar dito acordo. Deste xeito, fíxose unha breve pausa para acordar a moción definitiva, que posteriormente foi aprobada por unanimidade. Coa aprobación de dita proposta acordouse declarar a Fundación Franco non grata no Concello de Ames e facer unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador.

Acordouse instar ao goberno do Estado a facer as modificacións legais precisas para a ilegalización da Fundación Franco

Ademais, acordouse instar ao goberno do Estado a facer as modificacións legais precisas para a ilegalización da Fundación Franco; realizar un estudo ao redor do espolio e apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución e incorporación ao patrimonio público, sen que esa incorporación supoña ningún novo custo para pobo de Galicia; respaldar, participar e impulsar, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello de Ames, as iniciativas que se desenvolvan para garantir o cumprimento do acordado e a consecución dos seus obxectivos, e dar traslado do seguinte acordo á Xunta de Galicia e aos grupos con representación no Parlamento de Galicia, nas Cortes Xerais do Estado, Deputación Provincial, así como ao Goberno do Estado.