Galicia avanza cara á normalidade cunha nova modificación de aforos

237
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo secretario xeral técnico, Alberto Fuentes Losada, e o xerente do Sergas, José Flores Arias, informa en rolda de prensa dos acordos adoptados na reunión do comité clínico.

A evolución da situación epidemiolóxica continúa a ser positiva e a Xunta dá pasos cara á normalidade. Así, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá da ampliación, en liñas xerais, dos aforos do 75 ao 90% no locais de diferentes eidos sociais, agás no caso do lecer nocturno.

O anuncio chega logo de que Galicia, xunto a Asturias, rexistre unha incidencia acumulada propia dunha situación de risco epidemiolóxico controlado, ou tamén denominada fase de nova normalidade. A cifra galega é de 8,6 casos por cada 100.000 habitantes a 7 días e de 22,9 casos, no seu cómputo a 14 días. A aposta da Xunta pasa agora por controlar a epidemia a través dun modelo de retro rastrexo de casos, onde se incidirá no control da trazabilidade dos gromos e na secuenciación de posibles variantes do virus. Tamén sese implementará un seguimento da efectividade vacinal.

En consecuencia, a Xunta de Galicia decide ampliar os aforos en diversas actividades sociais, culturais e económicas.Como regra xeral, e agás no caso do sector de lecer nocturno, os aforos actualmente situados no 75% veránse ampliados até o 90% de capacidade máxima. Este será o caso dos interiores dos comercios, academias, lugares de culto, instalacións deportivas e actividades culturais. Nestes ámbitos tamén se eliminará o número máximo de persoas que poden realizar actividades en grupo.

No caso dos espectáculos musicais e artísticos con público sentado -tanto en recintos interiores como ao aire libre- poderán ampliar a capacidade de público do 75 ao 90% de aforo. No caso de desenvolverse estas actividades con público de pé, establécese un máximo do 50% para o interior, e amplíase do 33 ao 66% se teñen lugar ao aire libre . Neste último caso, e sempre e cando se cumpran os aforos, suprímese a limitación máxima de 5.000 persoas que estaba establecida até o de agora.

No caso da hostalería, amplíase o número máximo do grupo de persoas en interior que pasa de 8 a 10 persoas, e de 15 a 20 nas terrazas. Os aforos dos locais de hostalería, en nivel dunha cunchiña, quedan fixados no 75% interior e increméntase ao 90% no exterior. No caso dos locais encadrados no nivel de dúas cunchiñas amplíase ao 90% no interior e permanece o 100% nas terrazas.

No que atinxe ao transporte público, do 100% de usuarios sentados que xa estaba implantado, increméntase agora o aforo de persoas de pé até o 75%. Nos caso dos albergues e hoteis a súa capacidade aumenta até o 75%; e no que atinxe aos velorios tamén se verá ampliada a súa capacidade máxima actual, ao pasar dun máximo de 10 persoas a 20.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado 9 de outubro.


Dúas semanas
Galicia agardará 15 días despois da posta en marcha das novas medidas para avaliar a evolución epidemiolóxica. Se se manteñen os indicadores favorables, o escenario posterior será un retorno á normalidade absulta, promete García Comesaña. Non obstante, manterase o uso de máscara e algúns casos de uso do certificado Covid.