O Goberno local estuda a posibilidade de asumir a competencia da Avenida da Maía

Dende a Xunta de Galicia queren cederlle ao Concello a estrada que discorre pola avenida da Maía xa que consideran que se trata dunha travesía urbana.

628
avenida-mahia-bertamiráns

O Goberno municipal vai estudar a posibilidade de asumir a competencia da Avenida da Maía

O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, para falar da cesión de varios viarios, que na actualidade son de titularidade autonómica e pasen a ser de competencia municipal. Deste xeito, dende a Xunta de Galicia queren cederlle ao Concello a estrada que discorre pola Avenida da Maía xa que consideran que se trata dunha travesía urbana. Para tomar unha decisión sobre este asunto dende o goberno municipal van a realizar un estudo de custes para a mellora desta vía que terían que ser asumidos polo administración autonómica antes do traspaso de competencias.

Sobre este tema o Miñones indica que “dende o goberno municipal vaise estudar esta posibilidade xa que se trata dunha vía que ten máis de dous quilómetros de lonxitude e que precisa traballos de mantemento. Os últimos traballos que se realizaron nela foron durante o pasado verán para mellorar a sinalización horizontal e repintar as liñas viarias”.

Por outra banda, falouse da posibilidade de que a estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova tamén pase a ser de titularidade municipal. Trátase dun acordo ao que se chegou xa anos atrás, pero que non se fixo efectivo. O goberno municipal indica que non ten inconveniente en recepcionar esta vía, pero dentro do acordo inclúese a vía da Ponte Nova enteira e a metade desta estrada pertence ao Concello de negreira, polo que non é competencia de Ames. Debido a iso, dende a Axencia Galega de Infraestruturas van a estudar este tema cos seus servizos xurídicos e o o alcalde de Ames falará co goberno de Negreira para tratar de chegar a un acordo.