O Goberno busca a maneira de mellorar a seguridade viaria no CEIP A Maía

Abordáronse os traballos que se pretenden realizar no campo de seguridade viaria de cara ao inicio do curso 2017-2018.

527
reunion-ceip-amaia

Acordouse enviarlle á Xunta de Galicia un escrito asinado pola comunidade educativa para solicitarlle a mellora da seguridade viaria na estrada AC-544

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Urbanismo, Blas García e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantiveron unha reunión coa directora do CEIP A Maía, situado na localidade de Bertamiráns, e con representantes da ANPA deste colexio para afondar na mellora da seguridade viaria deste centro educativo de cara ao inicio do curso 2017-2018.

Nesta reunión valoráronse de xeito moi positivo as actuacións realizadas en setembro de 2016, antes do inicio do actual curso escolar, para a reorganización da dársena de autobuses de transporte escolar que estacionan na contorna deste centro.

Asemade, falouse das actuacións que haberá que acometer de cara ao inicio do vindeiro curso escolar. Deste xeito, acordouse enviarlle á Xunta de Galicia un escrito asinado pola comunidade educativa (dirección do centro, ANPA e Concello de Ames) para solicitarlle a mellora da seguridade viaria na estrada AC-544, que é de titularidade autonómica, e discorre por diante do devandito colexio. Para iso os axentes da Policía Local van a elaborar un informe sobre as necesidades de mellora dos pasos de peóns e da rede de semáforos que existen na contorna do colexio.

Segundo declaracións do Goberno municipal “vaise seguir traballando para intentar ampliar a beirarrúa que discorre entre o punto de acceso ao pavillón polideportivo de Bertamiráns e o portal de entrada do CEIP da Maía”. A intención do Concello é ampliar esta beirarrúa dándolle un metro máis de ancho e facer unha senda escolar co obxectivo de mellorar a seguridade de todos os pais/nais e alumnos/as que transitan diariamente por este lugar. Por último, tense previsto pintar as prazas de estacionamento do aparcadoiro do pavillón municipal de Bertamiráns.