Gran festa polo remate das Escolas Deportivas

Lonxe de concentrar todas as actividades nun mesmo pavillón e lugar, este ano cada actividade terá unha pequena exhibición nun entorno distinto acorde ao seu deporte

O curso 2016-2017 das Escolas deportivas municipais chega ao seu fin e como todos os anos ao final de tempada celébrase unha festa de clausura onde os rapaces e rapazas fan unha demostración do aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. Este ano hai varias novidades e celébrase a devandita festa en varias instalacións das localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, haberá entrega de diplomas, música a cargo de Djs, inchables, obradoiros e unha gran churrascada con animación musical.

Este ano a festa de clausura das escolas deportivas será un evento distinto. Dende o Concello decidiron sacar as actividades deportivas á rúa. Lonxe de concentrar todas as actividades nun mesmo pavillón e lugar, este ano cada actividade terá unha pequena exhibición nun entorno distinto acorde ao seu deporte. Así o tenis será na cancha aberta; a ximnasia, judo e ballet practicaranse nos auditorios das casas de cultura; os deportes de balón nas pistas exteriores; e o patinaxe no pavillón. Por mor da mostra de bolillos, que terá lugar este domingo no Milladoiro, non se poderá utilizar o pavillón desta localidade, polo que se trasladará a patinaxe a Bertamiráns.

Os actos finais celebraranse este ano no Milladoiro, xa que o ano pasado o peche das escolas deportivas realizouse en Bertamiráns


A festa que comezará ás 16:00 horas en Bertamiráns e ás 16:30h no Milladoiro, estenderase ata as 18:00 horas, para a continuación ás 18:30 horas comezar coa entrega de diplomas en cada unha das actividades e grupos. Os actos finais celebraranse este ano no Milladoiro, xa que o ano pasado o peche das escolas deportivas realizouse en Bertamiráns. Dende o Concello e coa colaboración da empresa Serviplus, que xestiona as escolas deportivas, organizarase un evento familiar e festivo que terá continuidade cunha churrascada e música na zona verde da área deportiva do Milladoiro, na que haberá inchables, Dj e obradoiros para amenizar o peche destas actividades.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, agradece “a colaboración dos clubs que xestionaron as escolas este ano e que colaborarán no desenvolvemento desta festa deportiva”. Ademais para o alcalde “as escolas deportivas son unha clara mostra da aposta deportiva deste Concello e por iso queremos que o peche das mesmas nesta anualidade se converta nunha festa do deporte”.