Unhas das características destes sete anos de campamento foi o seu notable crecemento, tanto en número de participantes como de actividades
O Verán sobre Rodas é máis que un campamento de patinaxe e hóckey. Nel, as nenas e nenos participantes poden gozar de outras moitas actividades como o tiro con arco, o judo ou a esgrima. O campamento, que está organizado polo Concello de Ames e o Bertamiráns FC, estase a desenvolver tanto en Bertamiráns (no pavillón e nas piscinas municipais) como no Milladoiro (no CEP de Ventín).
Nesta sétima edición, que comezou na última semana de xuño e remata a finais deste mes, o campamento está a contar coa participación de 130 rapaces e rapazas divididos en catro equipos diferentes. As nenas e nenos entre os 3 e 6 anos, que están a ter o seu primeiro contacto coa patinaxe, están no equipo vermello. As e os que están entre os 6 e os 9 anos, que son aquelas e aqueles con xa algún contacto previo con este deporte, atópanse no equipo laranxa. O equipo verde está conformado, maioritariamente, por rapazas e rapaces que pertencen aos diferentes clubs de patinaxe da contorna. Por último, o equipo azul é o equipo de hóckey; un grupo moi diverso xa que conta con rapazas e rapaces de todas as idades.
Unhas das características destes sete anos de campamento foi o seu notable crecemento, tanto en número de participantes como de actividades. Na súa primeira edición, o Verán sobre Rodas contou só coa participación dunha trintena de nenas e nenos (un dato que contrasta considerablemente coa centena deste ano). No tocante ás actividades, e grazas á colaboración dalgunhas das monitoras e monitores das Escolas Deportivas do Concello, as nenas e nenos participantes teñen a posibilidade de experimentar deportes tan variados coma o judo, o ballet, a esgrima, o tenis, a chave ou o rugby.