Guillermo Carracedo volve ser campión de España de SUP Olas

62

O surfista amesán Guillermo Carracedo proclamouse o pasado sábado 15 de outubro campión de España do SUP Olas 2022, revalidando así o título, que xa gañara na pasada edición do certame. O deportista vén tamén de facerse coa vitoria no campionato de Europa de Paddle Surf, celebrado o pasado agosto en Dinamarca.

Carracedo, natural de Bugallido e coñecido nacional e internacionalmente, volveu alzarse coa medalla de ouro na proba, que se celebrou na praia de San Lourenzo, en Xixón, nunha sufrida final na que se impuxo a Oihan Aizpuru, Juan de los Reyes e Alfonso Muñiz, surfistas que tamén contan cun gran palmarés.

Esta é xa a quinta ocasión na que o deportista logra converterse en campión nacional, a pesar de non partir como o candidato preferido. “Ao principio, polas condicións das olas, non era favorito. Pero, ao final, con cabeza, din feito o campionato”, explicou.

O título súmase así á longa lista de éxitos do amesán, que xa foi subcampión do mundo coa selección española no ano 2019, colándose no top 5 mundial, e afrontou retos como surfear na praia de Gulpiyuri, en Asturias, considerada como a máis pequena do mundo. Ademais, conta con 13 copas de Galicia.

O deportista amosouse moi satisfeito e contou que “viña do campionato de Europa moi motivado, pero os rivais cada ano son máis fortes e póñenmo máis difícil. Aínda que sexa o meu quinto campionato de España, non o tiven fácil en ningún deles. Gañei o primeiro en 2014, e durante cinco anos non volvín gañar ningún”.

Agora Carracedo céntrase xa no seu próximo reto, o mundial ISA World Championship, que terá lugar entre o 28 de outubro e o 6 de novembro en San Juan (Puerto Rico), que congrega aos mellores surfistas a nivel internacional: “A semana que vén vou para alí, a pelexar por lograr unha praza no podio”.