Gustavo César Veloso gaña a Carreira Ciclista do Pavo

601

Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolleu este domingo, 12 de decembro, unha nova edición da tradicional Carreira Ciclista do Pavo. O ciclista arousán Gustavo César Veloso quedou en primeira posición, seguido de Rubén Fandiño e Jacobo Ucha, que foron segundo e terceiro respectivamente. Nesta proba participaron un total de 92 ciclistas. Antes da carreira houbo unha xincana na que puideron participar os nenos e nenas, e tamén se homenaxeou a César Veloso, que se retirou este 2021 do ciclismo profesional aos 41 anos de idade.

Un total de 92 ciclistas participaron este domingo na XIV Carreira Ciclista do Pavo. Os participantes tiveron que dar unhas 20 voltas ao circuíto, duns 1.600 metros de lonxitude. Ademais, no inicio das voltas 5, 10 e 15, realizouse un sprint especial ao paso por meta. O primeiro sprint gañouno Rubén Fandiño, no segundo impúxose Miguel Alejandro, mentres que o terceiro sprint foi para Iván Días.

Os premios da carreira, como é habitual, consistiron na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que estes obsequios se entregan ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao só haber unha categoría de competición. No acto da entrega de premios estiveron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e outros/as concelleiros/as do grupo de goberno como Ana Belén Paz, Natividade González e Víctor Fernández. En representación do grupo municipal do Partido Popular asistiron Oliva Agra e Pablo Beiroa.

Ao remate da proba, a comunidade do ciclismo galego que se achegou á proba participou nunha homenaxe a César Veloso, que aos 41 anos pechou a súa carreira como profesional da bicicleta. Do seu palmarés, destacan dúas vitorias na clasificación xeral da Volta a Portugal en 2014 e en 2015, unha da Volta a Cataluña en 2008 e unha vitoria de etapa na Volta a España en 2009, co xa desaparecido Xacobeo Galicia.