Habilitadas dúas liñas gratuítas 900 de servizos sociais en Bertamiráns e no Milladoiro

270

O Concello de Ames anunciou hoxe que acaba de habilitar dúas liñas gratuítas 900 de servizos sociais para Bertamiráns e o Milladoiro. As persoas que as necesiten dispoñen así dunha opción máis directa e de balde para acordar citas ou consultar dúbidas. Os número habilitados son o 900 101 569 para Bertamiráns e o 900 103 704 para o Milladoiro.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, destaca que esta “foi unha das iniciativas que se abordou no Comité de Emerxencia Social, que se constituiu co ánimo de dar cobertura ás demandas de primeira necesidade e para realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo durante a crise do Covid-19. Estas dúas liñas gratuítas permitirán ter unha comunicación máis fluida cos usuarios e usuarias dos servizos sociais”.

Reparto de alimentos
Ante o incremento nas demandas de alimentos das familias máis necesitadas, o Concello reforzou o reparto destes bens. A administración adquiriu máis produtos e procede hoxe ao reparto en Bertamiráns. Mañá, xoves, realizarase no Milladoiro. Estanse a repartir nesta iniciativa alimentos e produtos como patacas, aceite, cacao, café, legumes, verduras, arroz ou conservas, entre outros. Asemade, tamén se reparten produtos de hixiene como xel, champú, pasta dentífrica, cepillos de dentes, papel hixiénico, lixivia, compresas ou cueiros. Ademáis, continúase os venres co reparto de lotes saudables (froita, verdura, queixo, iogures) entre as familias con nenos e nenas en comedor escolar bonificados con informe social.

25 e-bonos de 60GB
Outra das medidas que adoptou o Concello de Ames foi a compra de 25 e-bonos de 60GB para as familias con menos recursos, co ánimo de favorecer así o acceso a internet durante o confinamento. Esta medida está enfocada, sobre todo, a que os nenos e nenas poidan continuar co curso escolar dende a casa.