Hai 95 casos activos de COVID-19 no municipio

699

O Concello informa de que o número de casos de COVID-19 na localidade é de 95 casos activos. Nesta cifra contabilízanse os casos positivos detectados a través das probas PCR que se están facendo co cribado masivo de 3.700 mostras entre a poboación do concello, co obxectivo de frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos asintomáticos.

Ademais, o Concello aclara que aparece en alerta vermella no mapa de incidencia da Xunta debido ao gromo do Milladoiro, que segue a concentrar ata o 90% dos casos. Os positivos foron aumentando nos últimos días debido á detección a través de probas PCR. Así, pasouse do primeiro dato de 48 persoas positivas, que facilitou a Consellería de Sanidade o sábado 26 de setembro, aos 95 de hoxe, 15 de outubro.

Continúan as restricións no Milladoiro
Dende o Concello de Ames lémbrase que seguen activas as restricións aprobadas pola Xunta de Galicia o pasado 23 de setembro para incluír toda a localidade do Milladoiro no grupo de concellos e localidades con restricións vixentes pola Covid-19. Todas estas medidas publicáronse no Diario Oficial de Galicia e entraron en vigor as 00:00 horas do 24 de setembro. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as restricións publicadas no DOG que afectan á localidade do Milladoiro.

De momento non se baralla a opción de incrementar ditas restricións no Milladoiro, pero haberá que agardar a ver a evolución da situación durante as vindeiras semanas. Dende o Concello de Ames insístese na necesidade de colaboración por parte de toda a cidadanía para o cumprimento exhaustivo das normas. Recoméndase evitar o contacto masivo, o uso da máscara en todos os ámbitos e, en especial, nas xuntanzas familiares. Ademais, trasládase unha mensaxe de tranquilidade para entre todos e todas superar esta situación.