“Hai que reducir ratios de profesorado por alumnado e repor as prazas perdidas tras a crise”

378

A Xunta anunciou este mes de xaneiro a convocatoria de 2.628 prazas en 61 especialidades nas oposicións de educación de 2022. A convocatoria acumula as ofertas de emprego de 2021 e 2022. Este proceso adiantouse ás modificacións no modelo de selección que prevé o Goberno estatal a través dun Real Decreto. A Xunta argumenta que fai así “para darlle seguridade” ás persoas que opositan. Pola súa banda, os sindicatos coidan que esta convocatoria se fixo ás présas e, ademais, que non resolve os problemas estruturais do ensino. Falamos co coordinador de Acción Sindical da Federación de Ensino de CCOO Galicia, José Fuentes, sobre esta convocatoria e a situación do ensino despois de dous anos de pandemia.

Cal é a vosa valoración da convocatoria de oposicións docentes da Xunta?

É absolutamente negativa. Logo de aprobarse a Lei de Medidas Urxentes para a Redución de Temporalidade no Emprego Público, hai que cumprir o que esta e os Orzamentos do Estado contemplan: o 120% de reposición en sectores prioritarios coma o da educación. Antes da crise e do austericidio de Zapatero e Rajoy había un número de profesores que se debe recuperar. Nós queremos que se convoquen as oposicións nas modalidades de reposición e de estabilización para que se recuperen as 21 horas lectivas en primaria e 18 en secundaria, e se reduzan os ratios de profesorado-alumnado nas aulas. É evidente que a menor ratio mellor resultado para o alumnado. Comprobouse coa pandemia e en todos os estudos sobre o tema. 

A pandemia actuou como escusa para a precariedade?

O que se fixo foi seguir mantendo igual o nivel de emprego, despois dos recortes da crise. Non se recuperou mais alá nin houbo un incremento real. O que se convocou entre 2018 e 2020 foi polos acordos asinados co Estado e o acordo de estabilización ao abeiro dos Orzamentos Xerais 18-19. Non houbo incremento de emprego. O que formulamos co 120% é que medre o emprego, que se transforme emprego temporal en estable.

Que problemas ten o ensino galego dende o punto de vista dos docentes?

Débese reducir a temporalidade. Galicia está moi por debaixo do Estado, pero por riba do que debe ser. Andalucía ou Cataluña están peor, pero non é razoable estar por riba do 5%. Temos un acordo asinado coa Consellería de Educación onde se fala desa temporalidade, e co bipartito alcanzamos o 4,8%. É o que queremos acadar é iso, arredor do 5%. Tal como se comprometeu Educación. Pero o reto fundamental é a relación de ratios. Debemos aproveitar a situación da COVID para reducir ratio nas aulas.

Por último, o profesorado debe recobrar o horario lectivo previo á crise: 18 horas en secundaria e 21 en primaria. Non falamos de reducir o horario de traballo, senón de atención directa ao alumnado. O profesorado ten outras funcións como son a organización ou a dinamización que redundan en beneficio da calidade do ensino. E urxe tamén o desenvolvemento da nova lei educativa.

Precarizouse o ensino coa dixitalización?

A atención a distancia non garante mellor atención, ao contrario. A educación debe ser fundamentalmente presencial, agás cando non quede mais remedio. Se non, nós somos partidarios da presencialidade segura en todos os casos. As condicións hoxe en Galicia non se dan porque se simplificaron as condicións a ter en conta ao principio da pandemia. O curso pasado reducíronse os ratios porque se mantivo o criterio da distancia de 1,5 metros entre o alumnado nas ulas. Hoxe esta é de 1,2 metros, o que aumenta ratios e empeora as condicións hixiénico sanitarias. Débese volver aos criterios anteriores e aumentar as contratacións. As 500 prazas COVID eran insuficientes, pero habería que melloralas. E cómpre salientar que os grupos burbulla non existen como tal, son unha falacia, porque cando o neno sae da aula entra en contacto con outros nenos da súa contorna ou familia.