Iago Pico: “Cando unha banda vén gravar somos un equipo, canto mellor lle vai, mellor che vai”

1226

Na aldea de Pousada, na parroquia de Ames, está o estudio de gravación Pouland Studios, onde teñen gravado algúns dos nomes máis destacados da música galega de todos os estilos: dende o rock de Ruxe Ruxe ou Novedades Carminha á música tradicional das Tanxugueiras, pasando polo hip hop de Ezetaerre ou o metal de Tálesien ou Nao. Detrás deste estudio está Iago Pico, que o fundou en 2006 cando apenas tiña 20 anos de idade e tocaba en bandas locais de rock e metal coma IceWind. Agora é un produtor musical de sona tanto en Galicia como fóra dela, e ademais ten unha canle de Youtube con miles de seguidores á que sube versións interpretadas e gravadas por el mesmo.

Falamos con el para indagar no porque do éxito de Pouland e sobre as vantaxes de ter un estudio de gravación do máis alto nivel no rural galego, unha tendencia á que cada vez se van sumando máis e na que se poden citar outros nomes coma os dos estudios Mafia en Partovia, no Carballiño, ou os Zoilo Unreal Studios en San Xián de Marín.

Tes traballado con artistas do primeiro nivel en multitude de estilos. Como te adaptas a tanta diversidade musical? Hai algún xénero co que che guste traballar especialmente?

A verdade é que atopo unha satisfacción enorme traballando con estilos moi diferentes. Cando era máis novo o que máis me gustaba era todo o relacionado co metal e o rock, pero realmente o que me motiva son os proxectos que queiran innovar, ou rachar co establecido. Formeime dende pequeno no conservatorio coa música clásica, logo tirei polo rock, toquei nunha orquesta de pachanga… Son experiencias que a unha idade temprana déixante marcado, de pequeno es unha esponxa e absorbes todo o coñecemento, e considero que grazas a iso, a día de hoxe entendo a música dun xeito especial ou diferente, non sei como explicalo.

Ademais da túa faceta coma produtor e enxeñeiro de son, tamén tes unha canle de Youtube na que subes versións de cancións que contan con centos de miles de visitas. Ser tanto músico coma enxeñeiro de son facilita que teñas o control total de todo o proceso de creación?

Totalmente, sobre todo coma productor. Necesitas ter coñecementos musicais, para poder plasmar todo o que tes na cabeza e transmitirllo ás bandas. Toda a miña enerxía vai enfocada á xente coa que traballo. Na canle de Youtube fago algún cover cos amigos ou xente interesante que coñezo polo mundo adiante, pero fágoo por mera diversión. O traballo de estudio segue sendo imprescindible, ao final se queres un resultado potente, teste que rodear de profesionais que lle dean un pulo ao teu traballo. E logo, estar en YouTube, Instagram, Facebook, Spotify… É máis cuestión de marketing, de publi.

Son bastantes os artistas que teñen pasado por Pouland e teñen labrado unha carreira considerablemente exitosa. Notas que iso fixo medrar paralelamente a fama do estudio dende o seu nacemento en 2006?

Coido que si. Ao final, cando formas parte dun equipo, que é o que somos cando veñen as bandas a producir ou a gravar ao estudo, calquera logro é compartido. Canto mellor lle vai á banda, mellor che vai ir a ti, e viceversa.

Pouland Studios, antes Pousada Son, toma o seu nome da aldea de Ames onde se sitúa. Por que decidiches esta ubicación?

Era unha finca que tiñan meus pais. Con 16 anos xa decidira que ía montar un estudio de gravación, e era o sitio perfecto, ben comunicado, ao ladiño de Bertamiráns, preto de Santiago. E, sobre todo, vivir no Val da Mahía é marabilloso. O estudio segue sendo “a pousada do son”, pero agora traballo moito con bandas de fóra e cústalles moito quedarse co nome. Por iso mudei a Pouland Studios, e tamén porque moita xente chámame “Pou”. Debe ser porque non saio do estudio (risas).

O equipo e a calidade do estudio son impresionantes. Foi algo que fuches construíndo co tempo ou dende o primeiro momento tiveches claro que querías facelo ao grande?

Sempre lembro o que lle dixera aos meus pais nada máis cumplir a maioría de idade: “vou montar un estudio nivel mundial, xa veredes”. Nesa época foi a crise dos grandes estudios de gravación, que non paraban de pechar… Así que imaxínate a cara de meus pais. Considero que é bo poñerse unha meta ben alta, para que cando todo este soño remate, poder mirar cara atrás e sentirte orgulloso do camiño que percorriches. Chegue a onde chegue, non importa, pero hai que disfrutar do andado, e do que queda por andar.

Son varios os estudios de gravación galegos ubicados no rural. Ten máis pros que contras?

Sen dúbida son todo pros. Para crear precisas un espazo libre de agobios, de tráfico, de ruído. Ás veces, nas gravacións podes quedar bloqueado por momentos, porque son moitas horas traballando co oído, que satura moi rápido, e sempre coa cabeza posta no proxecto. Poder saír fora, respirar aire fresco, estar cos cans, coa natureza… Carga as pilas, e logo volves seguir gravando con máis enerxía e boa vibra.

Tes unha ampla formación en música e gravación, e agora tamén compartes ese coñecemento cos alumnos da Casa do Rock en Compostela. Fan falla máis enxeñeiros de son en Galicia? Que impacto ten na profesión a proliferación dos estudios caseiros e a música de dormitorio?

O que fai falla é fomentar o tecido da industria cultural en xeral, facer unha industria forte, que non dependa sempre de axudas e que uns leven unha gran cantidade de cartos e por outro lado haxa bandas que paguen por tocar. Iso non é industria, iso ten outro nome. O impacto dos estudios caseiros é marabilloso, porque realmente coas redes, podemos compartir coñecemento a todos os niveis, entras no Youtube e podes ver como se mesturaron as voces dun disco top mundial, ou diarios de gravación… Hai anos, iso tíñalo que imaxinar, escoitar discos e intentar achegarte a ese son por medio do ensaio-erro, agora telo a golpe de clic.