Igualdade nas bibliopiscinas de Ames

453

O obxectivo é ensinar ás nenas e nenos, dunha forma sinxela e entretida, valores necesarios para acadar a igualdade entre homes e mulleres

O novo espazo itinerante das bibliopiscinas de Ames basease nunha serie de libros, cuxa temática aborda a igualdade de xénero. O obxectivo é ensinar ás nenas e nenos, dunha forma sinxela e entretida, valores necesarios para acadar a igualdade entre homes e mulleres. Desde o 31 de xullo e ata o vindeiro 4 de agosto, os libros estarán na bibliopiscina do Milladoiro.

O espazo sobre igualdade das bibliopiscinas está composto por sete obras, pensadas para idades diferentes e cuxa temática tenta abordar distintos eixos. Superheroe. Manual de instrucións está pensado para nenas e nenos a partir dos 3 anos e busca fomentar valores como a empatía, a tolerancia, a xustiza e o respecto. A obra Sopa de cabaza é ata os 7 e está orientado á resolución de conflitos. Pola súa banda, Eu vou comigo é un libro concibido para ser lido a partir dos 7 anos e nel trátanse temas como a autoimaxe, a autoestima e os roles e estereotipos.

O novo espazo recorrerá as tres bibliopiscinas de Ames ata o remate de agosto

O libro Orellas de bolboreta tamén está destinado a nenas e nenos a partir dos 7 anos e nel abórdanse cuestións como a diversidade, a asertividade e autoimaxe. Billy e o vestido rosa, tamén é para rapaces e rapazas de máis de 7 anos e fala sobre xénero e roles. A obra Croquetas e wasaps xa precisa dun público máis maior, nomeadamente de máis de 12 anos. Este libro que versa sobre educación emocional e crecemento persoal, comparte a súa temática coa obra Non son perfecta, pensada, neste caso, para rapazas e rapaces de máis de 14 anos.

Ao longo desta semana, este espazo itinerante púidose ver na bibliopiscina do Milladoiro. A semana anterior estivo na de Bertamiráns e durante a próxima poderase atopar na de Tapia. Desta maneira, o novo espazo recorrerá as tres bibliopiscinas de Ames ata o remate de agosto.